Seis grupos de traballo proporán en febreiro medidas para reorganizar atención primaria

Reunión Sanidade Atención Primaria
XUNTA
Actualizado: martes, 18 diciembre 2018 21:45

Os profesionais ven un "cambio de actitude" e un "compromiso", aínda que consideran que, máis aló de estudos, "toca facer algo xa"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Sanidade propuxo este martes aos representantes de colectivos sanitarios a creación de seis grupos de traballo para actuar sobre os "problemas fundamentais" que se rexistran na Atención Primaria, coa idea de realizar propostas concretas no mes de febreiro.

Así o confirmou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ao termo dunha reunión que tanto el como o seu equipo mantiveron durante máis de tres horas con representantes de distintos colectivos sanitarios para abordar as problemáticas da atención primaria en Galicia.

Os grupos de traballo propostos pola Administración abordarán especificamente a reorganización e a creación de equipos para identificar os novos roles dos profesionais que traballan en atención primaria, medidas encamiñadas á atención da demanda con calidade e seguridade, a priorización do plan de investimentos previstos para 2019 en atención primaria, as relacións coa atención hospitalaria, a formación e a investigación e as relacións cos pacientes a través das novas plataformas tecnolóxicas.

Almuiña, que saíu satisfeito do encontro, lembrou que o principal problema da atención primaria en Galicia é "o número de profesionais", que neste momento está "limitado". Neste sentido, avanzou que se iniciaron xa as accións para "incrementar" a súa cifra, así como as prazas MIR conxuntamente co Ministerio de Sanidade e para levar a idade de xubilación "até os 70 anos".

Este é o "problema de base" deste ámbito para o conselleiro, ao que os profesionais trasladaron tamén a necesidade de "tempo para poder ver de forma máis intensa aos seus pacientes". Nesta cuestión, co control de demanda, a xestión de axentes ou a mellora da relación coa atención hospitalaria, traballarán tamén os grupos propostos pola Xunta.

A idea, indicou Almuíña, é que nun "curto período", os interlocutores poidan "sentar de novo" e analizar as conclusións destes grupos. Segundo o cronograma que se manexa, empezarían a traballar previsiblemente a próxima semana coa idea de ter as conclusións en febreiro e, a partir de aí, idear medidas concretas.

A maiores, algunhas das primeiras propostas ás que se comprometeu a Xunta atenderán á creación dun interlocutor propio para os servizos de primaria dentro da estrutura das áreas sanitarias, a ampliación das prazas MIR en Galicia ou o incremento progresivo na contratación de enfermeiros especialistas en mediciña familiar e comunitaria. De feito, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de incrementar o peso da enfermaría neste ámbito e comprometeuse a avanzar na estabilidade dos contratos.

UN CAMBIO DE ACTITUDE

Os colectivos sanitarios que asistiron ao encontro debatéronse entre o escepticismo ante a proposta de crear novos grupos de traballo, reclamando a posta en marcha inmediata de medidas, e a valoración do "cambio de actitude" da Administración sanitaria galega que, "por primeira vez realizou un compromiso serio e real" de intervención na atención primaria.

Así o indicou, en declaracións a Europa ress, o presidente da a Sociedade Galega de Médicos Xerais e de Familia (SEMG Galicia), Carlos Bastida, que destacou o feito de que, por primeira vez, esta cuestión se aborde nun encontro con representantes de "todos os estamentos da atención primaria".

Durante a reunión, indicou, "expuxéronse todas as deficiencias e as carencias" que está "a sufrir" este ámbito, que se centran na reclamación de "máis tempo", "máis medios", "máis profesionais" e cuestións como maior autonomía, mellor xestión de axendas ou relacións máis fluídas entre niveis asistenciais para facer fronte aos "cambios na demanda", entre outras cuestións

"E, por primeira vez, escoitei por parte do conselleiro un compromiso serio e real", dixo Bastida, que confiou en que esta vontade se plasme en medidas concretas.

O presidente de SEMG Galicia lembrou que todos estes profesionais están "no mesmo carro" e confiou en que as boas sensacións se este encontro desemboquen en acordos para "redefinir a futura atención primaria".

O conselleiro, dixo Carlos Bastida, comprometeuse a "buscar un novo modelo de contratación máis estable e máis atractivo", lonxe da "precariedade", para afrontar o problema da falta de médicos. Ademais, e "mentres non os haxa", os profesionais piden que se poñan en marcha "soluciones", dando "autonomía aos centros de saúde", que trasladarán individualmente á consellería as súas carencias e as súas reclamacións.

INSISTIR NO QUE "XA ESTÁ FALADO"

Pola súa banda, os representantes do Consello Galego de Colexios Médicos, aínda que viron positivos o encontro e os compromisos, criticaron que a proposta que levou a Xunta sexa a de "abrir grupos de traballo" para "insistir no que xa está falado".

Así, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luís Jiménez, destacou que o conselleiro recoñecese no encontro que "a situación está complicada", pero viu como "menos positivo" que "se repita un traballo que xa estaba feito", o da análise das necesidades da atención primaria.

"Trátase de repetir, con algún grupo máis, o que xa se fixo fai tres anos", dixo, en declaracións a Europa Press, José Luís Jiménez, que indicou que, na situación actual, "non é tempo de abrir debates e grupos de traballo", se non que "toca facer xa algo".

Jiménez lembrou a situación "crítica" que se vive na sanidade galega en xeral e no ámbito da primaria en particular, co persoal da PAC en folga e tras a dimisión da maior parte dos xefes de servizo de Vigo.

Con iso, explicitou, "non é momento de facer grupos de traballo", se non de "pór en marcha medidas" en materias urxentes como a contratación estable, a organización das ausencias ou o incremento de tempos por paciente. No entanto, garantiu a colaboración deste colectivo no proceso e considerou positivo abrir o debate.