Marcha atrás de Sanidade: retira a proposta de crear a categoría de pediatra de área

Un pediatra ausculta a un neno
PIXABAY/ SEMEVENT - Archivo
Actualizado: martes, 23 octubre 2018 21:10

   Os pediatras galegos manifestaran o seu "rexeitamento total" a esta nova figura

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Sanidade dá marcha atrás e decidiu este martes retirar a proposta para a creación da nova categoría de pediatra de área incluída na disposición adicional da lei de medidas que acompaña aos orzamentos da Xunta de 2019 e que fora obxecto de duras críticas por parte dos médicos.

   Segundo informa nun comunicado, adoptou esta decisión após a reunión que nesta xornada mantiveron os representantes do Sergas con profesionais que participan no grupo de traballo de pediatría que se constituíu en 2017 para avaliar a atención pediátrica en Galicia.

   Faino tras un primeiro encontro, na pasada xornada, coa Sociedade de Pediatría de Galicia (Sopega) e a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (Agapap), despois do que os especialistas reiteraron o seu "rexeitamento total" á figura de pediatra de área.

   Entón, a Xunta defendeuna e esgrimiu que "garante a calidade e a continuidade asistencial" para dar resposta "ao déficit de profesionais". Un día despois, anunciou a retirada da proposta.

MEDIDAS DE "CONSENSO"

   O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña aposta, en todo caso, por "seguir avanzando conxuntamente" en medidas de "consenso" para paliar o déficit de pediatras que afecta "o conxunto de sistemas de saúde".

   Neste sentido, asegura que continuará contando coas achegas dos profesionais, co obxectivo de "garantir e mellorar a calidade do servizo en todas as áreas sanitarias".

   A Consellería de Sanidade "manterá abertas todas as vías de diálogo" cos profesionais e as sociedades científicas para adoptar medidas consensuadas dirixidas a solucionar a falta de pediatras.

   Tanto o Sergas como as sociedades científicas --afirma Sanidade-- coinciden en que a mellora da calidade asistencial na atención pediátrica é "unha prioridade compartida".

MODIFICACIÓN VÍA EMENDA

   Xa na pasada xornada, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lembrara a capacidade de emenda que ten o grupo maioritario para asegurar que, se froito das conversacións entre o Sergas e os colectivos afectados había un consenso, os populares poderían cambiar a lei de acompañamento dos orzamentos por esta vía.

   Agora, previsiblemente, terán que recorrer á emenda de supresión para ratificar a decisión de Sanidade de retirar a proposta de crear esta nova categoría de pediatría.