Sanidade notifica outros oito falecementos con covid-19 ocorridos entre o venres e este martes

Publicado: martes, 7 diciembre 2021 21:36

   Son óbitos correspondentes a días pasados, pero supón a cifra máis alta da que informa Sanidade en case catro meses

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Sanidade notificou outro oito vítimas relacionadas coa pandemia da covid-19 que faleceron entre o venres, 3 de decembro, e este martes, día 7. Todas elas presentaban patoloxías previas.

   Trátase da xornada con máis mortos notificados pola Xunta desde o 10 de agosto, fai case catro meses. No entanto, hai que ter en conta que tanto este martes como aquel día confirmáronse vítimas de días pasados.

   O venres 3 de decembro faleceron dous homes diagnosticados de covid-19: un de 89 anos no Hospital de Monforte de Lemos (Lugo) e outro de 83 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

   O sábado 4 morreu no Chuvi outro home, de 45 anos; mentres que o domingo 5 perdeu a vida outro, de 84, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

   En canto ao luns 6, faleceron dous homes de 76 e 79 anos no Chuvi e no CHUF, respectivamente; ademais dunha muller, de 74, no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).

   A oitava morte notificada por Sanidade produciuse este mesmo martes, 7 de decembro, e correspóndese cun home de 76 anos que estaba ingresado no CHUF ferrolán.

   Con todos estes falecementos, a listaxe de vítimas que deixa a pandemia da covid-19 en Galicia é de 2.690.