Santiago estuda presentar un recurso extraordinario para "volver atrás" o proceso das estatuas do Mestre Mateo

Estatuas de Isaac e Abraham, obras do Mestre Mateo, en Santiago de Compostela
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: lunes, 20 enero 2020 13:57

Sería necesario retirar o recurso de casación, pois son incompatibles, co fin de retrotraer o caso ao coñecerse "nova" documentación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Concello de Santiago estuda presentar un recurso extraordinario de revisión ante o Tribunal Supremo para "volver atrás" o proceso sobre a propiedade das estatuas do Pórtico da Gloria, obras do Mestre Mateo --Isaac e Abraham--, despois de que a Audiencia Provincial de Madrid dese a razón á familia Franco.

Segundo explicou este luns en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o Concello presentou recurso de casación ante o Supremo por esta sentenza, dado que tiña de prazo até o día 23, pero sopesa substituír este recurso por un extraordinario --para o que ten tres meses de prazo-- por infracción procesual ao atoparse nova documentación que "non puido ser achegada nos procedementos anteriores".

O alcalde explica que presentar un recurso de casación e outro extraordinario é "incompatible", polo que para o extraordinario sería necesario "retirar" o de casación.

Deste xeito, estudarase se se aposta polo extraordinario co fin de retrotraer o proceso, posto que estes datos saídos de arquivos privados e públicos "proban, sen ningún xénero de dúbidas, que as esculturas foron adquiridas polo Concello de Santiago". Así, estiveron na Corporación "até 1954 ou 1955", e "en 1955 aparecen en Meirás sen que exista ningún procedemento coñecido ou documentado polo que acaban cambiando dun sitio para outro".

"Entendemos, á luz dos datos que estamos a recibir, que o Tribunal Supremo ten que ordenar a revisión deste procedemento", asegura, ao haber "información nova" --pon de exemplo os datos atopados polo historiador Francisco Prado-Vilar--.

"Non temos ningún xénero de dúbidas de que aquí se produciu unha apropiación indebida dun ben patrimonial público e un posterior branqueamento desa apropiación indebida", sostén.

NON FORON DESAFECTADAS DO PÚBLICO

Ademais, Sánchez Bugallo explica que ao ser un ben patrimonio público, as estatuas terían que ser "desafectadas do uso público para ser privatizadas", o que "é evidente que non pasou".

Por iso, pon de exemplo que o Concello podería transferirlle as estatuas ao Estado, "pero en ningún caso a un privado" sen estar desafectadas.

En primeira instancia a xuíza sinalaba que non quedaba probada a posesión das estatuas por parte do Concello, mentres após recurso a Audiencia de Madrid cambiou a argumentación e asegurou que non está demostrado que sexan as mesmas pezas en propiedade do Franco.

A este respecto, o rexedor compostelán sentenza que está "absolutamente claro" que se trata das "mesmas estatuas". Ademais, lembra que a defensa da familia Franco baseábase na usucapión --un concepto do dereito romano para ter unha propiedade por tenencia prolongada no tempo--, pero resalta que non pode aplicarse ao ser "un ben público".

"Alguén chamou a alguén e díxolle: 'iso quedaría moi ben en Meirás e gústame moito'; e alguén dixo: 'pois faltaría máis', o empaquetouno e mandouno", opina.

Noutra orde de cousas, sobre a petición do BNG de reclamar a volta a Santiago do patrimonio local que está no Museo Arqueolóxico de Madrid, o rexedor dixo que "xa se verá".