Servizos mínimos do 40% para liñas regulares de autobús e do 100% para o transporte escolar

Publicado: lunes, 19 junio 2017 14:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os servizos mínimos para as xornadas de folga de autobuses que Galicia afrontará este martes e este mércores alcanzan o 40% para as liñas regulares e chegan ata o 100% para o transporte escolar.

A orde que fixa os servizos que se deberán manter estas dúas xornadas --e os mesmos días das próximas semanas, ata que non haxa unha solución-- foi publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Recolle que se manterán "como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 7,30 ata as 10,30 horas e os de saída desde as 13,30 ás 19,00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros".

Ademais, para os servizos de transporte a alumnado de centros de educación especial considera "esenciais" todos os itinerarios existentes nos horarios habituais.

E canto aos servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores, a orde establece como mínimos "todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9,00 horas e posteriores ás 18,00 horas" co fin de garantir o acceso e a saída dos postos de traballo "naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo".

A través dun comunicado, a Xunta solicitou ás centrais sindicais que reconsideren a convocatoria de folga xa que, "ao coincidir coa última semana do curso escolar, poderá afectar os alumnos que tiñan programadas excusiones, así como dificultar os desprazamentos dos traballadores".

Pola súa banda, CIG, CC.OO. e UXT ratificaron, mediante outra nota de prensa, que o paro será indefinido e desenvolverase "todos os martes e mércores" a partir deste día 20.

En Santiago, por exemplo, os piquetes informativos conformados polo tres centrais reuniranse a partir das 6,30 horas nas instalacións de Tralusa para posteriormente concentrarse, a partir das 7,00 horas, na estación de autobuses. Tamén se desprazarán ás principais paradas da cidade.