Soben a 31 os positivos polo brote relacionado cun ximnasio de Arteixo (A Coruña)

Actualizado: sábado, 1 agosto 2020 14:19

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Ago. (EUROPA PRESS) -

   Os casos que deron positivo por COVID-19 vinculados ao brote do ximnasio de Meicende, no municipio coruñés de Arteixo, subiron a 31 este sábado, seis máis que na xornada do venres, informou o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

   O seguimento dos contactos que se está levando a cabo na área sanitaria da Coruña e Cee en relación a este brote e as súas ramificacións noutras zonas da área sanitaria levou a realizar máis de 500 PCR na xornada do venres.

   Ante a "posibilidade de novos contaxios", a Consellería de Sanidade segue coas tarefas para localizar contactos e tratar de evitar novas infeccións.

   Este brote é o segundo maior rexistrado polo momento en Galicia, após o da comarca da Mariña, en Lugo. A orixe do brote de Meicende sitúase nun usuario dese ximmasio que tamén traballa como porteiro dun pub de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña), local que xa foi pechado a pasada semana.

   Ademais, entre as persoas que deron positivo vinculadas a este foco están un vixiante do centro cívico de Monte Alto, na Coruña, e un traballador do matadoiro municipal da mesma cidade.