O TC declara inconstitucional que Galicia limite a 15 anos o prazo de actuación contra obras ilegais na costa

Archivo - Vista da fachada do Tribunal Constitucional o día no que se celebra o acto solemne de toma de posesión do catro novos maxistrados no Tribunal Constitucional (TC), a 9 de xaneiro de 2023, en Madrid (España). Os novos maxistrados toman pos
Jesús Hellín - Europa Press - Archivo
Publicado: miércoles, 8 mayo 2024 15:35

   Declara nulos artigos sobre esta cuestión da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2023

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

   O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) declarou inconstitucionais e nulos os artigos da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2023 que limitan a 15 anos o prazo de actuacións contra obras ilegais na costa.

    Deste xeito, estima o recurso de inconstitucionalidade promovido por Goberno central contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da lei galega (Lei 7/2022, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas). A maxistrada Laura Díez Bueso foi a relatora.

   O Consello de Ministros aprobou en setembro de 2023 presentar recurso de inconstitucionalidade contra estes artigos ao non alcanzarse acordo na Comisión Bilateral coa Xunta, que agora tomba o TC.

    En concreto, os artigos limitaban a un prazo de 15 anos o prazo de obrigación de restitución de obras ilegais en zona de dominio público marítimo-terrestre e abrían a porta á súa regularización após ese período, o que choca coa lexislación estatal.

   O artigo 10.1 reducía a 15 anos o prazo da Administración para impor a obrigación de restituír ao seu estado anterior obras e actuacións ilegais realizadas na zona de servidume de protección de costas. O motivo da declaración de inconstitucionalidade é que esta acción da Administración non está suxeita a ningún prazo na Lei de Costas.

   O artigo 11 declárase inconstitucional por reproducir o contido do artigo 95.1 da Lei de Costas, sen cumprir cos requisitos esixidos para iso pola doutrina constitucional. A sentenza considera que a reprodución non tiña por finalidade facilitar a comprensión da lexislación autonómica de desenvolvemento e, ademais, introducía alteracións respecto do contido da lei estatal. Pola súa conexión con estes preceptos, a sentenza declara tamén inconstitucionais e nulos os artigos 10.1, parágrafo segundo, 10.2 e 10.3 e a disposición transitoria primeira.

   Pola súa banda, o maxistrado Enrique Arnaldo Alcubilla anunciou a formulación dun voto particular a esta decisión do Tribunal Constitucional.

   Esta decisión chega despois da recente sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que avala por unanimidade a lei galega de litoral despois de que o Goberno central presentase recurso contra diversos preceptos.

Contador