Tellado (PPdeG) insta o Goberno de Sánchez a saír da "inanición" para buscar solucións para Alcoa

Publicado: sábado, 20 octubre 2018 13:11

Empraza ao Executivo estatal a facer unha fronte común co resto de administracións para a defensa dos postos de traballo

FERROL, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, instou ao Goberno de Pedro Sánchez a saír da "inanición" para buscar "activamente" solucións para evitar o peche das plantas da multinacional Aloca na Coruña e Avilés (Asturias).

Ademais, o dirixente popular pediu a Sánchez que faga unha "fronte común" co Goberno do Principado de Asturias e a Xunta de Galicia na defensa dos postos de traballo, un obxectivo no que pediu o compromiso de todas as administracións, partidos, así como do conxunto da sociedade galega.

Tellado ofreceu este sábado en Ferrol unha rolda de prensa, na que trasladou a solidariedade do PP cos traballadores e cualificou de "moi positivo" a fronte común posto en marcha polos presidentes Alberto Núñez Feijóo e Javier Fernández.

"Agardamos que dentro desta mesma liña de traballo se sume tamén o Goberno do Estado, as deputacións provinciais e o conxunto da cidadanía", manifestou Tellado, que emprazou ao Goberno estatal a pór medidas para evitar o peche de ambas as plantas.

MANIFESTACIÓN

Así mesmo, preguntado pola decisión de gran parte dos partidos políticos galegos de secundar a mobilización convocada polos traballadores este sábado na Coruña, Tellado asegurou que estas protestas son "perfectamente lexítimas".

"Desde o PP tamén imos estar presentes, a través da nosa deputada autonómica Beatriz Mato, que será ademais a candidata á Alcaldía da Coruña", sinalou o secretario xeral do PPdeG que considerou necesario "chamar a atención para que Alcoa" manenga este centro de traballo e a actividade.

"Porque estamos a falar dun golpe moi grande á industria galega, á comarca da Coruña, e por iso nós apostamos polo mantemento dos postos de traballo e unha acción coordinada de todos", sinalou.

Tellado tamén aproveitou para asegurar que o PP mostrou o seu compromiso ao longo dos últimos anos "cando houbo problemas coa tarifa eléctrica". "O noso compromiso foi que Alcoa puidese seguir traballando, non só na Coruña, senón que tamén na provincia de Lugo, e por tanto penso que temos que seguir nesta mesma dirección".