Traballadores de Urxencias de Santiago continúan reclamando máis persoal na oitava semana de folga

O persoal de Urxencias do Hopsital Clínico de Santiago, nunha concentración
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 31 diciembre 2018 14:42

O 9 de xaneiro manifestaranse no centro da cidade, e o 14 someterán a votación a proposta da Xerencia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Dic. (EUROPA PRESS) -

Os traballadores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela comezaron este luns a oitava semana de folga para pedir á Xerencia do centro "máis persoal" para poder ofrecer "un servizo de calidade".

Ás portas do servizo de Urxencias concentráronse, un luns máis, ao redor de 50 traballadores, ataviados con gorros do Nadal, e camisetas nas que pedían as dimisións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a xerente do Hospital, Eloína Núñez, a quen dedicaron unha panxoliña.

O presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro, volveu a falar en representación do Comité de Folga, e lamentou que "non hai avances na negociación" nin novas reunións coa administración.

Agulleiro avanzou que o persoal "ten previsto seguir coas concentracións e as asembleas os luns" e adiantou que "o 9 de xaneiro haberá unha manifestación que partirá desde a praza Roxa e acabará na praza de Praterías", na capital galega.

Ademais, o 14 de xaneiro o persoal someterá a votación a aceptación ou rexeitamento da proposta que hai encima da mesa de aumento do persoal.

VONTADE DE NEGOCIACIÓN

No entanto, Agulleiro insistiu na disposición de "negociar" e instou á xerencia a que "faga unha nova proposta de dotación de persoal". "Instamos á administración a que faga unha nova proposta e negociarémola. Se non, a folga seguirá adiante", recalcou.

O represente dos traballadores lembrou, unha vez máis, que o que piden "é un aumento do persoal" para "poder ofrecer un servizo de calidade", e non un incremento salarial.

Agulleiro respondeu a quen se preguntan por que non se vota xa a proposta da administración, e lembrou que facelo o día 14 é "unha decisión do persoal e non dos sindicatos".

Tamén respondeu ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que recentemente comentou que "había sindicatos que non queren chegar a acordos e prefiren o conflito".

Sobre este asunto, Agulleiro insistiu na "intención de negociar" e subliñou que "a este conflito chegouse despois de moitos anos nos que se aumentaron os espazos pero sen dotación de persoal".

O presidente da Comisión de Centro sinalou que, "a partir de agora empezan os problemas respiratorios e gripais" e alertou do risco de "saturación" e "colapso" do servizo de urxencias.