Transcorre con normalidade a xornada electoral na Mariña Lucense

Traballadores de Alcoa ataviados co uniforme da fábrica acoden a votar nas eleccións autonómicas de Galicia no Pavillón Vos Castros, en Burela
Carlos Castro - Europa Press
Publicado: domingo, 12 julio 2020 18:43

   En Burela un home rompe unha papeleta pola prohibición de voto aos positivos e traballadores de Alcoa acoden a votar en uniforme

   VIVEIRO (LUGO), 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A xornada electoral transcorre con normalidade até o momento na comarca da Mariña, en Lugo, onde sete concellos dos 15 que a conforman teñen restrinxida a mobilidade e en Burela, onde se rexistra a maior parte dos contagios e non está permitido saír do municipio, salvo razóns xustificadas como no caso deste domingo acudir ás urnas.

   Segundo ratificaron a Europa Press alcaldes da zona, os veciños da comarca están a acudir ás urnas con "normalidade" e "fluidez" e non se deron incidencias relevantes. En Burela, nunha das mesas, un home rompeu unha papeleta en anacos para chamar a atención sobre a prohibición do voto aos positivos por coronavirus, segundo resumiu o alcalde, Alfredo Llano.

   En canto á participación, segundo o avance das 17 horas, descendeu con respecto ás eleccións de 2016, segundo os datos ofrecidos pola Xunta.

   Así na Mariña Central, á que pertence o concello de Burela, a participación baixou nun 1,32% en relación aos últimos comicios, mentres que na comarca oriental, o descenso é dun 0,90% e na zona occidental a cifra de votantes subiu en torno ao 2,5%. Unhas cifras que chocan co ocorrido durante a mañá, xa que no primeiro avance de participación, ás 12,00 do mediodía, a participación na zona subira ao redor de 4 puntos.

   Pequenas colas de votantes puidéronse ver durante gran parte da xornada ás portas dos espazos habilitados para votar, colexios, pavillóns e salas multiuso. Membros das forzas de seguridade velaron durante todo o día polo normal transcurso dos comicios e polo cumprimento dos protocolos anti-Covid, que inclúen límite de aforamento e lavado de mans antes de entrar aos espazos electorais, o que retardou lixeiramente o ritmo de voto, segundo as fontes consultadas.

   En Foz, a incomparecencia xustificada do presidente dunha mesa, así como dos seus suplentes, obrigou a conformala cos vogais e substitutos dos vogais.

TRABALLADORES DE ALCOA VOTAN CO UNIFORME

   Doutra banda, os traballadores de Alcoa aproveitaron a xornada electoral para visibilizar a súa loita contra o peche da planta de aluminio que a multinacional ten nesta comarca de Lugo, concretamente no concello de Cervo.

   Os obreiros de quenda acudiron a votar co uniforme de faena nos horarios autorizados pola firma para exercer o dereito ao voto, mentres que os que libraban e as súas familias acudiron con camisetas e máscaras nas que podían lerse lemas reclamando a supervivencia da factoría, entre eles os máis estendidos "A mariña salvase loitando" e "Peche Non".