Tres persoas trasladadas e un edificio desaloxado en Betanzos (A Coruña) por un incendio nunha vivenda

Publicado: sábado, 27 abril 2019 14:26

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Abr. (EUROPA PRESS) -

   Un incendio declarado no interior dunha vivenda dun edificio de catro plantas en Betanzos (A Coruña) obrigou a desaloxar o inmoble e a trasladar a tres persoas, unha delas con dor torácica e outras dúas por síntomas de intoxicación por fume.

   Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume orixinouse nunha vivenda da primeira planta, en concreto, nun dormitorio, sen que transcendesen, até o momento, as causas que o provocaron.

   O inmoble está situado no número 2-4 da Travesía Malecón-Mariña. Así o indicaron as primeiras persoas que contactaron co 112 Galicia, desde a rúa e o propio edificio, para alertar do incendio ao redor das 11,00 horas.

   O 112 transmitiu o aviso aos Bombeiros de Betanzos, da Coruña e Arteixo e requiriu a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Betanzos.

   Segundo indicou o 112 Galicia, o incendio quedou totalmente extinguido ao redor das 13,30 horas. Ademais de sufocar o lume e ventilar as zonas afectadas, os servizos de emerxencia evacuaron por unha fachada lateral desde a terceira planta a tres persoas e un animal e a outras dúas polo portal do edificio.

   O incendio deixou unha habitación da primeira planta calcinada por completo e un salón tamén totalmente queimado. Ademais, todo o edificio viuse afectado polo fume.

   O piso no que se orixinou o incendio quedo inhabitable e os bombeiros valorarán cando as persoas que viven no edificio poden regresar ás súas casas.

   Un dos afectados foi trasladado con dor torácica ao Hospital da Coruña e outros dous por síntomas de intoxicación de fume e nerviosismo ao Punto de Atención continuada da localidade.

ACCIDENTE NA CORUÑA

   Na AP-9 no punto quilométrico 3, á altura da Coruña preto da saída cara á avenida Alfonso Molina, rexistrouse un accidente con tres coches implicados.

   O sinistro produciuse sobre as 13,10 horas pero, segundo indicou o servizo de emerxencias do 112 Galicia conforme á información da Garda Civil, non se rexistraron feridos.