Xornada de folga das educadoras infantís en Vigo por un convenio digno

Máis de 200 educadoras infantís concéntranse en Vigo na xornada de folga por un convenio digno
PAULA JUSTO-EUROPA PRESS
Publicado: martes, 21 mayo 2019 14:37

VIGO, 21 May. (EUROPA PRESS) -

Máis de 200 educadoras infantís de toda Galicia concentráronse este martes ante o Museo Marco de Vigo, nunha xornada de folga a nivel nacional convocada por CC.OO., en demanda dun convenio xusto.

Así, con pancartas nas que podían lerse lemas como 'Creamos sorrisos cun soldo de risa', 'Somos educadoras e non coidadoras', ou 'Sector feminizado, sector mal pago', as educadoras reclamaron que se recoñezan os seus dereitos e se valore o seu traballo nunha etapa "básica" da educación.

Segundo explicou Verónica Simón, unha das portavoces deste colectivo na área de Vigo --onde traballan unhas 400 educadoras infantís--, estas profesionais levan "co soldo conxelado desde 2012" e as súas nóminas apenas rozan os "900 euros brutos".

"Pero non só protestamos polo soldo, queremos que se valore o noso traballo, que non é asistencial. Educamos, ensinamos a comer, a controlar esfínteres, non gardamos a ninguén nin cambiamos só cueiros", proclamou.

Así mesmo, engadiu que as educadoras infantís nen sequera están consideradas no ámbito educativo para as administracións, que enmarcan o seu traballo na área de benestar social.

Verónica Simón incidiu en que estas profesionais, "universitarias e técnicas que se forman día a día", deben empregar o seu tempo e recursos fóra da xornada laboral para elaborar os seus programas e proxectos educativos.

Finalmente, referiuse ao convenio que se asinará este mércores no ámbito nacional para este colectivo, un convenio do que se desmarcou CC.OO. e que conta co respaldo de UGT, FSIE e USO.

Segundo apuntou, a "mellora" que se prevé no acordo é pasar de 901 a 930 euros mensuais brutos; e advertiu de que a "loita histórica" das educadoras infantís "non é dun día". "Isto non acaba hoxe", sentenciou.