Xulio Ferreiro minimiza a polémica do chalé de Iglesias e Montero: "É unha casa nos arredores de tres dormitorios"

Xulio Ferreiro
Europa Press - Archivo
Actualizado: domingo, 20 mayo 2018 18:04

   O alcalde da Coruña por Marea Atlántica rexeitou que a deputada Paula Quinteiro teña que dimitir e ve suficientes unhas "desculpas"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 May. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde da Coruña por Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, minimizou a polémica xerada pola compra que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, e a súa parella e portavoz parlamentaria, Irene Montero, realizaron dun chalé de 600.000 euros, argumentando que non é "relevante politicamente" que dúas persoas se vaian "vivir nos arredores de Madrid a unha casa de tres dormitorios".

   Deste xeito respondeu á pregunta formulada sobre a polémica adquisición do chalé nunha entrevista concedida á Cadena Ser, recollida por Europa Press.

   O rexedor coruñés remarcou que non lle gusta falar da vida privada e que, no caso concreto da casa de Iglesias e Montero, só "tería implicación política se o diñeiro non estivese claro de onde viña, se non fosen transparentes á hora de comprar unha casa para vivir ou o ocultasen".

   Nesta mesma liña, non comparte que se criticara a compra como unha cuestión de incoherencia, e centra a súa argumentación no respecto á vida privada.

   "Se a alguén lle aparece un piso no seu patrimonio e non se sabe de onde lle sae iso é relevante, pero se dúas persoas deciden irse a vivir nos arredores de Madrid a unha casa de tres dormitorios", proseguiu, "teriamos que preguntarnos se os prezos do mercado inmobiliario son normais ou non".

   Tras esta afirmación, engadiu que "a nova política e a vella non se miden por onde vives ou onde deixas de vivir, senón onde dirixes a túa acción política, se es autónomo para tomar decisións ou as tomas porque poderes fácticos indícanche como tomalas".

   Para resolver a cuestión, concluíu que non se trata máis que "da salsa rosa da política", que "lle interesa á xente e será o máis visitado das webs", pero que á hora de "tomar decisións políticas non é moi relevante".

DEFENSA DE PAULA QUINTEIRO

   Xulio Ferreiro tamén defendeu á deputada Paula Quinteiro, que convulsionou a situación interna de En Marea despois de que se enfrontase con axentes da Policía Local durante a noite do 18 de marzo cando se estaban producindo incidentes vandálicos.

   Un incidente convertido en polémica política que Ferreiro remarca que tería que resolverse en 24 horas, coas desculpas de Paula Quinteiro, pero que se transformou nunha cuestión de magnitude por un "erro de xestión".

   "Creo que non é tanto o que puido facer ou deixar de facer Paula, é máis a xestión que houbo detrás, unha polémica que podería durar 24 horas, está a converterse nun problema de magnitude pola xestión que está a facer e iso é un erro de xestión", aseverou.

   O rexedor da Coruña censura, aínda que sen citalo directamente, ao portavoz de En Marea, Luís Villares, despois de que se convocara un proceso de consulta ás bases sobre este asunto, e que remarca que "non conseguiu o consenso que tería que alcanzar".

   "Creo que Paula xa deu as explicacións que tiña que dar no seu momento, creo que a cousa pode ser máis ou menos acertada pero non é para montar unha crise política de tal magnitude", criticou, entendendo que se seguiu "o argumentario de quen non quere ben a Paula Quinteiro, nin a En marea nin ao seu espazo político".

   Por este motivo, insiste en que non se debería estar a falar das cuestións internas da organización e a polémica teríase que pechar "en poucas horas", "coas desculpas aceptadas e xa está", "non seguir remexendo un asunto que xa non dá máis de si".

   "Houbo unha mala xestión, non dunha persona en concreto, hai persoas varias que toman decisións en diferentes sentidos e creo que a proba é que varios meses despois se segue falando diso", engade, para concluír que entende que a xestión "non foi boa".

"BALANCE IMPORTANTE" DA SÚA XESTIÓN

   A un ano das próximas eleccións municipais, realiza un "balance importante" da súa xestión á fronte da alcaldía da Coruña, e incide en logros como a política social e a renda social municipal, "pioneira", que "permite vivir a unhas 250 familias" de forma "digna".

   Tamén pon en valor o impulso á participación cidadá, aos orzamentos participativos ou ás políticas ambientais.

   Pero a lexislatura de Xulio Ferreiro tamén estivo marcada por polémicas como a adquisición por parte do Concello de varios pisos a persoas afíns á Marea Atlántica para vivendas de acollida.

   Do mesmo xeito que fixo nos últimos meses, o rexedor defendeu a actuación da administración local, argumentando que as decisións foron adoptadas por "unha comisión técnica", sen "nada que ocultar".

   Ante a posibilidade de que revalide os resultados de fai tres anos, sen maioría absoluta, apela á ideoloxía de esquerdas por encima de "intereses partidistas ou persoais", para que o PSOE lle ofreza, de novo, o seu apoio.

   "Se as forzas que estamos comprometidas co medioambiente, a igualdade e a dignidade das persoas non somos capaces de pór iso antes dos intereses persoais e de partido, sería un fracaso", recoñeceu.

BEATRIZ MATO, COMO POSIBLE CANDIDATA DO PP

   Na loita pola alcaldía da Coruña, especúlase que a candidata do PP, aínda sen confirmar, será a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

   Interpelado respecto diso, replicou que a Xunta de Galicia carece de política ambiental, porque "a conselleira pasa máis tempo facendo paseos promocionais pola Coruña que no seu despacho e atendendo na súa consellería".

   "O tema é que hai un modelo na Coruña, e hai a inexistencia de modelo na Xunta de Galicia", concluíu.