Xunta reforza a partir do luns a expedición de tarxetas TMG e Xente Nova, que bonifican viaxes en transporte público

Publicado: sábado, 23 enero 2021 18:55

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ene. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta reforzará a partir do luns a expedición de tarxetas TMG e Xente Nova para facilitar o acceso dos cidadáns ás bonificacións do tranporte público interurbano de Galicia.

   Diso informou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, no que detalla que, desde o luns a entidade que expide estes dispositivos, Abanca, incrementará a rede de sucursais nas que os usuarios poderán retiralos.

   Deste xeito, os viaxeiros disporán en Galicia de 183 oficinas para obter a tarxeta TMG, aumentando en 28 as novas sucursais. No caso da Xente Nova, na comunidade haberá 192 oficinas desta entidade para adquirir este dispositivo, após a incorporación de 27 novas sucursais.

   Desde a Consellería de Infraestruturas xa se pediu á entidade que

   continúe co esforzo que vén realizando para posibilitar que un maior número de oficinas no territorio poidan expedir estas tarxetas co fin de facilitarlle aos usuarios o seu acceso.

   O Goberno galego, que acaba de culminar a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia coa posta en marcha de novos contratos o pasado día 23 de decembro, destacou que continúa traballando na extensión destas dúas tarxetas a toda a comunidade para ampliar a toda Galicia os beneficios que supón actualmente o transporte metropolitano.

   En concreto, a TMG supón, entre outras vantaxes, o acceso ás bonificacións no prezo do billete, que se poden incrementar aínda máis no caso de recorrencia ou familias numerosas; así como o beneficio dos transbordos gratuítos.

   Pola súa banda, a tarxeta Xente Nova posibilita que os menores de 21 anos viaxen de forma gratuíta no autobús interurbano da Xunta. Con este dispositivo, a Administración autonómica contribúe á economía das familias e facilita o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria.

   A Xunta previu estender, xa neste primeiro semestre, a toda Galicia os beneficios da tarxeta Xente Nova.