A Xunta solicitará ao Goberno investir os 125 millóns de superávit de 2018 en educación e sanidade

Feijóo
XUNTA DE GALICIA
Publicado: jueves, 14 febrero 2019 15:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Xunta solicitará ao Goberno central poder investir o total do superávit de 2018, que ascende a 125 millóns de euros, en "mellorar servizos públicos sanitarios, educativos e sociais", tal e como anunciou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión co seu Executivo.

"Ao Goberno, estea en funcións ou non, solicitarémoslle que nos deixen gastar o que é noso", manifestou o titular da Xunta, lembrando que a lei de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2018 --prorrogados a 2019 após tombarse este mércores as contas do Executivo de Pedro Sánchez no Congreso-- permite ás comunidades executar os seus beneficios.

"Non hai ningunha xustificación para que non nos deixen", aseverou Feijóo, que advertiu tamén que Galicia "non vai financiar excesos" doutras comunidades "incumplidoras". Para iso, incidiu en que a convocatoria dun Consello de Política Fiscal e Financeira --órgano encargado de coordinar a Facenda estatal coas autonómicas-- podería "autorizar" o gasto deste superávit.

Con todo, o titular da Xunta celebrou que a Comunidade galega obtén "por primeira vez desde o ano 2002" un saldo positivo, ademais de ser a autonomía "que mellor paga" as facturas a provedores, posto que o fai nunha media de 13,3 días, 22 menos que a media das comunidades.