SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Sala Yago, co seu espectáculo 'Merda', será a encargada de abrir hoxe a actividade da XIV Feira das Artes Escénicas de Galicia, que se desenvolverá ata o sábado en sete espazos da cidade de Santiago coa participación de 27 compañías de teatro e danza. Nesta xornada inaugural tamén exhibirán os seus últimos traballos os grupo galegos Talía Teatro, Teatro do Aquí e Eme2-Ludd, ademais do catalán Tantarantana Teatre.
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem) da Consellería de Cultura e Deporte organiza este encontro, para o que están acreditados un total de 150 programadores, produtores, distribuidores e axentes culturais de toda Galicia, así como do resto do Estado (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi, Illas Baleares, Madrid, Navarra) e de Portugal, co obxectivo de promove-la contratación dos espectáculos que conforman esta programación.
VENDA DE ENTRADAS
A exhibición de espectáculos estará aberta tamén ó público non acreditado, sempre en función das localidades dispoñibles para cada espectáculo, a un prezo único de 3 euros por entrada. No caso do Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal, o despacho de billetes comezará unha hora antes do inicio das representacións, mentres que na Sala Nasa, Sala Yago e Teatro Galán a billeteira abrirá cinco minutos antes. Na Chocolataría, o acceso será libre.
Esta décimo cuarta edición dará comezo ás 16.15 horas de hoxe con 'Merda', unha produción da Sala Yago que será exhibida neste mesmo escenario compostelán. O actor Ricardo de Barreiro debuta profesionalmente con este monólogo, no que ten comoauditorio aos habitantes dun camposanto. De Barreiro é, ademais, autor do texto xunto a Rafael G. García e Xavier Estévez, quen se estrea tamén como director.
A compañía catalá Tantarantana Teatre chega a Santiago con Idaho y Utah, nanas paranenes malitos, que escenificará no Teatro Galán ás 18.00 horas. Creado e dirixido por Albert Espinosa, un dos novos autores cataláns de maior proxección, sitúase no terreo da comedia, mesturando tenrura e ironía para abordar unha historia que parte do descubrimento por parte dun dos protagonistas dunha menciña para poder vivir sen durmir. O propio Espinosa forma parte do elenco, xunto a Rebeca Comerma, Álex Casteleiro e Ángel Roldán.
A continuación, Talía Teatro subirá ao escenario do Salón Teatro para representar, a partir das 20.00 horas, 'Esperando a Godot', o drama de Samuel Becket adaptado e dirixido por Roberto Salgueiro. Artur Trillo e Toño Casais integran o dúo interpretativo que dá vida a este clásico, estreado en 1953, paradigma do humor intelixente.
Teatro do Aquí preséntase neste encontro escénico con 'A ópera de a patacón', un texto do desaparecido Roberto Vidal Bolaño, sobre textos de John Gay e Bertolt Bretch, que xa fora montado pola compañía e que agora recupera en homenaxe ao que foi o seu fundador e director. Marcos Orsi dirixe esta nova versión, interpretada por Xoán Carlos Mejuto, Pepa Yáñez, Ledicia Sola e Luis Iglesia, con música en directo de Javier Debesa, Cándido Lorenzo e Xabier Camba.
NOVAS TENDENCIAS ESCÉNICAS
Por último, e dentro da aposta da dirección da Feira polas novas compañías que están a abrirse camiño na escena galega, a xornada inaugural pecharase ás 00.30 horas na Chocolataría con 'Census, o soño do enumerador', unha produción de Eme2 e o colectivo Ludd na que se combina teatro, interactividade, activismo e experimentación audiovisual. Roi Fernández é o autor desta proposta multimedia, que pon en escena xunto a Nela Quesada e Isaac Cordal.
A XIV Feira das Artes Escénicas inaugura tamén hoxe o seu programa de actividades paralelas, que desenvolverá na Fundación Gonzalo Torrente Ballester e no marco do que se exhibe a exposición O escenario da ilusión. A través dunha vintena de pezas orixinais recuperadas ou reconstruídas, a mostra --que pode ser visitada até o 24 de xuño, en horario de 11.00 a 20.00 horas-- propón unha viaxe no tempo cara ao teatro barroco dende a perspectiva da profesión escenográfica e arredor de tres eixes temáticos: son, luz e enxeñería teatral.