Actualizado 11/06/2006 12:23

O Museo do Pobo Galego acolle este martes unha homenaxe ó galeguista Lois Tobío, co gallo do centenario do seu nacemento

Galicia Actual

Haberá unha lectura de textos do autor e espectáculos de música tradicional galega e búlgara


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Jun. (EUROPA PRESS) -

O vindeiro martes día 13 celebrarase un acto de homenaxe no centenario do nacemento de Lois Tobío, un dos galeguistas históricos da primeira metade do século XX e unha importante figura na incorporación ó galego das grandes obras da literatura en alemán. O acto terá lugar ás 19.00 horas no salón de actos do Museo do Pobo Galego e contará coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; de Isaac Díaz Pardo e da filla de Tobío, Constanza Tobío.

Na homenaxe haberá unha actuación de música tradicional galega a cargo do grupo Tinta Femia e da música búlgara de Irmáns Hristov. Cómpre dicir que Lois Tobío residiu en Bulgaria como secretario da embaixada de España durante a II República. No acto tamén haberá unha lectura de textos seus na que participarán Marga Romero, Heidi Kühn-Bode, Ánxela Abalo e Gustavo Pernas.

Diversas entidades colaboran neste acto organizado pola Consellería de Cultura e Deporte: Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, IGADI, Seminario de Estudos Galegos, Asociación de Escritores en Lingua Galega, Instituto de Estudos Miñoranos, Seminario de Estudos terra de Viveiro, Real Academia Galega e os concellos de Santiago, Gondomar e Viveiro.

Lois Tobío naceu en Viveiro en 1936 e figurou entre os fundadores en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, do que dirixiu a sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Licenciado en Dereito e con formación na Universidade de Berlín, Tobío participou, xunto con Ricardo Carballo Calero e Alexandre Bóveda, na redacción do Estatuto de Autonomía de 1931.

IMPORTANTE LABOR COMO TRADUCTOR

Tralo golpe de Estado de Franco, participou activamente na defensa da República e chegou a loitar na batalla do Ebro como tenente de artillería. No exilio ideou a creción do Consello da Galiza, como parte da legalidade republicana.

En canto á súa aportación á literatura, Tobío escribiu As décadas de T.L., un libro de memorias que recorre todo o século XX a través das súas impresións. Traduciu ó galego 'Fausto' de Goehte, 'Sonetos a Orfeu' e 'As elexías de Duíno' de Rilke e 'Nai Coraxe e mais os seus fillos' de Brecht. Faleceu en Madrid en 2003 e as súas cinzas foron espalladas na ría de Viveiro.