Actualizado 11/08/2006 19:07

Preto de 13.000 personas visitaron ata hoxe o Barco da Memoria

Galicia Actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Ago. (EUROPA PRESS) -

Arredor de 13.000 persoas xa visitaron o Hidria II, totalmente rehabilitado e convertido no Barco da Memoria, que rende homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galicia

Segundo informou Cultura nun comunicado, nas súas adegas viaxa a exposición "Os mártires do mar: Represión franquista contra os mariñeiros galegos" e "abondoso material audiovisual" que se proxecta nas vilas que percorre. Ao seu carón teñen lugar "actividades diversas" como conferencias, outras exposicións, proxeccións de documentais audiovisuais, concertos e homenaxes ás persoas que foron asasinadas e represaliadas polo réxime franquista.

O Barco da Memoria forma parte das actividades que organiza a Consellería de Cultura e Deporte dentro do Ano da Memoria para dar a coñecer unha época da nosa Historia que aínda ten demasiados silencios. Grazas a este labor de divulgación están a aparecer testemuños de vítimas da represión que até agora non se coñecían.

Segundo Cultura, familiares de persoas represaliadas, que se mantiveron en silencio durante anos a causa do temor, achéganse ao barco e comentan os casos das súas familias. O Barco da Memoria está a servir tamén como un lugar de comunicación no que vítimas directas, familiares ou xente especialmente interesada poden intercambiar as súas historias.

"Hai xente que vén e que ve o barco como un lugar de consolo, para expresar unha historia que até agora pasou inadvertida", comenta Matías Rodríguez, que acompaña o Hidria II na súa singradura. Isto reflíctese ben no libro de sinaturas do barco: "hai familias que veñen saldar unha débeda co silencio de tantos anos, hai textos que son verdadeiras dedicatorias", engade.

Todo tipo de público

Pero ao barco non só acode xente ligada dunha forma ou doutra á represión, senón tamén persoas que descoñecían a dimensión das consecuencias do alzamento franquista. Precisamente, dar a coñecer esta realidade é un dos principais obxectivos do Barco", apuntaron.

O Hidria II comezou a súa singradura en Cambados o día 18 de xullo e xa visitou Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, A Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira e Portosín, onde está a día de hoxe. Esta fin de semana estará en Muro e logo na Coruña (do 15 ao 18), Mugardos (do 19 ao 21), Ferrol (do 22 ao 24), Ría de Vigo (26) e Cangas (27 e 28). Finalmente, en setembro, estará en Vigo (do 1 ao 3), en Raxo (do 29 ao 31) e en Vilagarcía (do 4 ao 6). O día 26 de agosto o Hidria percorrerá a ría de Vigo nunha homenaxe á xente do mar asasinada e fondeada na ría.