SANTIAGO DE COMPOSTELA 17 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Asociación Cultural Xábrega organiza en Ares (A Coruña) unha conferencia sobre "O Traxe Tradicional Galego", que se desenvolverá hoxe, ás 18.00 horas, no Casino da vila. Tamén está previsto un desfile para amosar distintas prendas tradicionais.
Segundo informou a devandita asociación, a conferencia correrá a cargo da vicepresidenta da Asociación do Traxe Galego, Xoana Pintos Barral, e durante a súa intervención varios membros desta asociación desfilarán con traxes tradicionais realizados segundo a tipoloxía de cada comarca de Galicia.
A conferencia tamén estará ilustrada coa proxección de fotografías recollidas en diferentes puntos do país nas que se poderá apreciar a vestimenta real utilizada en Galicia desde principios do XX.
A Asociación do Traxe Galego, con sede en Santiago de Compostela, conta cunha experiencia de máis de dez anos recollendo e estudiando a orixe, diversidade e evolución do traxe tradicional. As pezas que se utilizaban eran practicamente as mesmas en toda a nosa xeografía, con pequenas variacións segundo os lugares e segundo foran utilizadas para as faenas diarias, as feiras ou as festas.
Xábrega resalta que a oragnización desta actividade responde, por unha banda, a o interese por divulgar un aspecto máis da nosa cultura e tradición, e, por outra, por querer involucrar a todos os habitantes de Ares na celebración dun Día do Traxe Galego durante as festas de San Roque, que este ano se celebran na primeira fin de semana de agosto.