A Aula de Enerxías Renovables da ETSE da USC organiza desde mañá un curso sobre o recurso solar

Actualizado: domingo, 16 julio 2006 14:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Aula de Enerxías Renovables da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC), recentemente consolidada, comeza o seu programa de actividades coa organización do curso 'O recurso solar' que comeza mañá e conta coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O encontro, de carácter gratuíto e aberto a todos os interesados, inaugurarase na ETSE o vindeiro luns 17 ás 10.00 horas, nun acto no que participarán o director da Escola, Juan Lema Rodicio; o director do Inega, Xoan Ramón Doldán García; e a coordinadora do Plan de desenvolvemento sostible da USC, Dora Blanco Heras.

O curso, que se desenvolverá ata o venres 21 en horario de mañá e o día 26, estrutúrase en cinco módulos nos que aos asistentes se lles introducirá na cuestión das enerxías renovables atmosféricas, a radiación solar, a enerxía solar térmica e fotovoltaica e a relación co medio ambiente.

Logo da inauguración, o día 17 o curso comezará cunha intervención do catedrático Juan Casares Long sobre o sistema enerxético, a quen lle seguirá a profesora Pastora Bello, directora da Aula de Enerxías Renovables, cun relatorio no que explicará as enerxías renovables. O investigador do Inega Nicolás Vázquez falará deseguido da situación destas en Galicia.

PROGRAMA

O martes 18 será o profesor da USC José A. Souto González quen ofreza dous relatorios sobre radiación da atmosfera e a ecuación de transferencia radiactiva. A continuación, os fundamentos da enerxía solar térmica serán explicados polo enxeñeiro de enerxías renovables Nicolás Rico, a quen lle seguirá o director comercial de Helionova, empresa incubada en Uninova, Walter García, para disertar sobre a integración de sistemas solares en edificación.

O día 19 a sesión dedicarase aos mapas de radiación social e a estudar casos en enerxía solar térmica. A xornada do 20 abordará integramente a enerxía solar fotovoltaica, cun relatorio sobre os seus fundamentos prácticos a cargo da profesora Ángeles López Aguera e unha sesión de estudo de casos que dirixirán o investigador do Inega Iago Rodríguez e o xestor de Proxectos de Isofotón Miguel Bofill.

Este tema será tamén tratado o venres 21 polo catedrático da UPM Eduardo Lorenzo, quen pronunciará unha conferencia sobre electricidade solar e a quen lle seguirá o profesor Antonio García cun relatorio sobre modelización e simulación de células solares. Aproveitando a ocasión, ese día ás 13.30 horas preténdese consolidar o Grupo de Enerxía Solar da Aula de Enerxías Renovables, para o que se convoca a todos os interesados a unha xuntanza na que Antonio Blanco fará unha proposta de traballo deste grupo.

A incidencia ambiental das enerxías será a conferencia que dea comezo ao último día do curso, o mércores 26, a cargo do catedrático Manuel Bao. Pola súa banda, o profesor da Autónoma de Madrid Emilio Menéndez falará de enerxía e sociedade.