O BNG ve "insuficiente" o proxecto de presupostos de Santiago e condiciona o seu apoio a que haxa "moitos cambios"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 27 diciembre 2016 16:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA 27 Dic. (EUROPA PRESS) -

O voceiro do Grupo Municipal do BNG en Santiago, Rubén Cela, agradeceu este martes a disposición do goberno de Compostela Aberta de incluír varias das súas propostas no proxecto de presupostos para o próximo ano, aínda que indicou que os puntos incluídos son aínda "insuficientes". "Este borrador necesitará aínda de moitos cambios se quere contar co voto favorable do BNG", indicou.

En rolda de prensa, Cela dixo que é un "avance con respecto ao ano pasado" que se inclúan propostas presentadas polo BNG, como é o caso da realización dun aparcamento público nas inmediacións do Conservatorio Profesional de Música, 350.000 euros para un Plan de Emprego Xuvenil, o aumento de partidas dirixidas a arranxos en colexios públicos ou a creación dunha pista de skate.

Non obstante, o voceiro do BNG mostrou a súa "preocupación" polos elementos que non se inclúen, como a creación dun aparcamento público no Campus Sur, o cambio da cuberta da piscina de Sar, a realización dun parque urbano en Hortas, o acondicionamento dunha nova instalación para acoller a Escola Municipal de Música ou a reurbanización da rúa Concheiros.

"Valoraremos con detemento a proposta tanto no grupo municipal do BNG coma no noso consello Local, pero xa podemos adiantar que, nunha primeira lectura, é evidente que para nós o grao de asunción das nosas propostas é claramente insuficiente", dixo Cela.

Rubén Cela referiuse tamén á situación de Pontevedra, onde, a decisión de Marea Pontevedra de absterse permitiu finalmente a aprobación dos presupostos locais presentados polo alcalde nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores. En Santiago, Compostela Aberta necesita, polo menos, o apoio do BNG para aprobar este documento.

En relación a esta cuestión, Cela dixo que Santiago "non será nunca para o BNG un cromo intercambiable con ningunha outra cidade" e garantiu que "o que vai definir en última instancia" o voto da formación ás contas locais é "o contido da proposta de presupostos".

Artículos Relacionados

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado