O CDG estará dirixido por Cristina Domínguez, profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo

Actualizado: viernes, 17 marzo 2006 14:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Mar. (EUROPA PRESS) -

A nova responsable do Centro Dramático Galego (CDG) será Cristina Domínguez, ata o momento directora da compañía 'A Factoría Teatro' e profesora da Escola Superior de Arte Dramática, quen se incorporará nos vindeiros días á súa nova ocupación, segundo informou hoxe a Consellería de Cultura.

O Consello Reitor do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) aceptou hoxe a demisión de Ánxeles Cuña como directora do CDG --por un problema de incompatibilidade co seu habitual posto de traballo--, así como a proposta da Consellería de Cultura e Deporte para nomear Cristina Domínguez como a súa sucesora.

Cristina Domínguez Dapena (Pontevedra, 1965) é titulada en Arte Dramática pola Real Escola Superior de Arte Dramática e Danza de Madrid na especialidade de interpretación. Actualmente dirixe a compañía A Factoría Teatro, actividade que compaxina coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo (ESAD). Conta cunha grande experiencia no mundo da escena e tense caracterizado pola súa aposta polo teatro máis contemporáneo e polo gran coidado da escenografía.

TRAXECTORIA

Como directora, obtivo o Premio Casares de Teatro 2002 á mellor dirección teatral por 'Coitelos nas Galiñas' (A Factoría Teatro) e o premio Pasarena 1999 de teatro de Logroño ao mellor espectáculo por 'A viaxe de Lola' (Alalá Produccións). Nesta edición dos Casares, que terá lugar o vindeiro 28 de marzo, opta con 'Tío Vania' a dez galardóns, entre eles o de mellor espectáculo e mellor dirección.

A súa traxectoria inclúe tamén traballos de interpretación nunha ducia de espectáculos e outros tantos como directora, asinando nos últimos anos 'O canto do Dime-Dime', de Daniel Danis, 'Tío Vania' de Chejov, ou 'Os Homes só contan ate tres' de Antón Lopo. Realizou tamén dirección teatral en espectáculos de danza contemporánea e musicais, e publicou o libro 'Técnicas de expresión Oral. O uso expresivo da voz' en Editorial Galaxia (2005).

Como docente, ademais do seu traballo na ESAD, ten impartido cursos na Aula de Teatro da Universidade de Santiago, en Espacio Aberto, en A Artística, na EGACI e en numerosas aulas de formación.