SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Centro Dramático Galego (CDG) vén de editar a guía didáctica do seu espectáculo de música e narración oral 'A cabana de Babaiagá', co que pechou un primeiro período de representacións dentro da campaña escolar, dirixida anenas e nenos de entre 6 e 11 anos, que retomará á volta das vacacións estivais.
Esta obra, agora recollida nunha guía didáctica, fala ao público infantil galego doutras terras, doutros costumes e de como a valentía e aloita por rachar límites e por se introducir no terreo do descoñecido ten a súa recompensa nunha aprendizaxe que permite coñecérmonos un pouco máis.
Segundo lembrou hoxe o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), do que depende o CDG, esta publicación, obra de Nate Borrajo e con ilustracións de Pablo Otero, recolle tanto os textos narrados e interpretados na montaxe pola súa directora, Paula Carballeira, como unha serie de exercicios prácticos que os mestres poden realizar cos seus alumnos antese despois de asistir ás funcións deste espectáculo.
"Espertar a sensibilidade destes novos espectadores polas artes escénicas e musicais, ademais de favorecer o uso dos sentidos e o desenvolvemento das súas capacidades lingüísticas", son os obxectivos desta guía, segundo indicou o Igaem.
Tamén se incide no fomento do coñecemento da cultura propia e no respecto polas doutros países, neste caso pola tradición rusa da que xorde o conto popular que inspirou este espectáculo do Centro Dramático Galego.
Máis de 8.000 nenas e nenos asistiron ás representacións do CDG de 'A cabana de Babaiagá' dentro da primeira parte da súa campaña escolar, que se desenvolveu entre marzo e maio nos escenarios de Ferrol, Ribadeo, Muros, Santiago de Compostela, Oleiros e Viveiro. Despois das vacacións do verán, o espectáculo volverá a escena cunha nova serie derepresentacións a partir de outubro.