O Centro Ramón Piñeiro presenta catro novas publicacións sobre investigación en humanidades

Actualizado: viernes, 16 junio 2006 22:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Jun. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe catro novas publicacións do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sobre a produción literaria anual --Informe de literatura--, a fraseoloxía --Caderno de fraseoloxía--, a poesía --Xosé Otero Espasandín. Obra galega-- e o ensaio breve --Sobre o humor de Cervantes no Quixote--.

Gran parte da tiraxe destas publicacións, entre 600 e 1.000 exemplares xa foron distribuídos de balde, con cargo ao propio Centro Ramón Piñeiro, en entidades culturais e académicas, como as tres universidades galegas, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e bibliotecas, museos e centros de estudos galegos do exterior.

O Informe de literatura do ano 2004 é un proxecto de continuidade, coordinado por Blanca Roig Rechou, e preséntase en cd-rom. Os Cadernos de fraseoloxía, que xa van pola súa sétima entrega, sitúanse no ámbito estrito da lingua, mentres que Obra galega supón un percorrido pola complexa peripecia biográfica do autor. Por último, o ensaio literario Sobre o humor de Cervantes no Quixote é obra do artista plástico Siro López.