O CGAC de Santiago acolle hoxe un acto que presentará o traballo da muller na investigación

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 7 marzo 2006 11:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compsotela, acollerá hoxe un acto do Día da Muller Investigadora, baixo o nome 'Mulleres á cabeza', no que se presentará o traballo e a situación das mulleres no eido da investigación e ciencia en Europa.

Segundo informou a Xunta, está previsto visionado do filme-documental francés 'Mulleres Científicas', traducido ao galego e que se estreará en España por primeira vez. Este documental será presentado polo seu realizador, Hervé Nisic. Nel farase un percorrido pola situación das científicas en Europa, e contará con testemuñas de biólogas, matemáticas, físicas e astrofíscias que traballan a alto nivel.

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Salustiano Mato de la Iglesia, e a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán Villamarín, serán os encargados da inauguración do acto, que comezará ás sete do serán.

Finalmente, celebrarase unha mesa redonda que abordará a situación da muller na ciencia en Galicia. O debate estará moderado por Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e nel intervirán mulleres vencelladas ao mundo da investigación e da ciencia.

Asemade, terá lugar un obradoiro durante o tempo que dure o acto enfocado aos nenos e no que se abordarán os mesmos temas que no acto principal, segundo informou a Consellería de Innovación e Industria.

Contenido patrocinado