A Comisión de Patrimonio da Coruña acorda por unanimidade no permitir a descatalogación do Barrio de Recimil

Actualizado: martes, 14 marzo 2006 21:41

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Comisión de Patrimonio da provincia da Coruña, reunida hoxe na Delegación da Consellería de Cultura e Deporte da cidade herculina, acordou por unanimidade a non descatalogación do barrio de Recimil en Ferrol. Segundo a Comisión, os valores que promoveron no seu día a súa protección seguen perfectamente vixentes, polo que non hai razón para a súa descatalogación como conxunto patrimonial inventariado.

Recimil posúe valores históricos, ambientais e de ordenación arquitectónica que o definen como unha boa mostra de arquitectura hixienista construída nos anos 20 e 30 por toda Europa. Xa que logo, a Comisión recomenda unha protección ambiental, que implica o coidado do seu ordenamento e estructura, e tamén que se proceda a unha rehabilitación de todo o conxunto para manter eses valores.

Logo deste acordo da Comisión de Patrimonio, abrirase un prazo para a información pública sobre o contido do informe para que todos os interesados poidan facer alegacións. O proceso rematará coa resolución do director xeral de Patrimonio.

A Comisión de Patrimonio está formada polo director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, a delegada de Cultura e Deporte, Milagros Lantes, un arquitecto e un arqueólogo da Consellería, un representante da Real Academia de Belas Artes, outro do Colexio de Arquitectos, outro da universidade, un representante da Dirección Xeral de Urbanismo, así como persoal de recoñecido prestixio na materia.