A homenaxe comezará cunha ofrenda floral diante do panteón no que está soterrado
LALÍN (PONTEVEDRA), 18 (EUROPA PRESS)
O Concello de Lalín e a Fundación Laxeiro conmemorarán o venres o décimo aniversario do pasamento do pintor con actividades programadas en homenaxe a José Otero Abeledo Laxeiro (Lalín, 1908 - Vigo, 1996).
As actividades foron presentadas hoxe, en rolda de prensa, polo alcalde lalinense, Xosé Crespo Iglesias; a concelleira de Cultura, Nuria Rodríguez Carral; e o director-xerente da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján.
As actividades previstas para o venres, que contan co patrocinio da Fundación Feima e a colaboración de Caixanova, comezarán ás 13.00 horas cunha ofrenda floral diante do panteón no que está soterrado Laxeiro, no Cemiterio Municipal da Romea. Xunto coa actuación dun cuarteto de corda, neste acto intervirán Carlos Oroza e Xosé Vázquez Pintor para realizar senllas semblanzas da figura de Laxeiro.
Ás 18.00 horas comezará no Museo Municipal 'Ramón María Aller' unha mesa redonda sobre a figura do pintor, que será moderada polo xornalista e escritor Carlos G. Reigosa e que contará cos seguintes participantes: Antón Lamazares (artista lalinense), David Barro (crítico de arte e comisario), Miguel Naveros (director de La Voz de Almería), Isaac Díaz Pardo (empresario, artista, intelectual do galeguismo histórico e compañeiro de xeración de Laxeiro) e Carmen Kruckenberg (poetisa e amiga de Laxeiro).
PINTANDO EN LIBERDADE
Con posterioridade, arredor das 20.00 horas, o Concello de Lalín e a Fundación Laxeiro reunirán a máis dunha vintena de artistas a carón da estatua do aviador Joaquín Loriga no marco da iniciativa 'Pintura en liberdade: lembrando a Laxeiro'.
Entre os pintores que se brindaron a participar nesta actividade atópanse Armindo Salgueiro, Paío, Álex Ferreiro, Eduardo Meijomence, Carmen Payo, Álvaro Negro, Lorena Lázara, Luchi, Julia Otero Iglesias, Pilar Taboada, María José Senande, Brucedo, Marisa Mígueles, Beatriz Santomé, Antón Iglesias, Mar García, Evaristo López, Salvador López, Fondevila, Gloria Alonso, Miguel Calvo e Jorge Conde.
Xosé Crespo, calificou este programa de actos de "humilde e modesto, pero que vale para recordar a este gran pintor, probablemente o pintor galego máis importante do século XX". Ademais, expresou a súa confianza en que "o mellor sobre a vida e obra deste artista está por vir, porque unha persoa desta talla cando morre e pasa un tempo da súa morte é cando, os que realmente cremos nesa persoa, temos que facer algo importante por el".
Pola súa banda, o director-xerente da Fundación Laxeiro indicou que estes actos "van primar máis a familiaridade e a entrañabilidade da memoria de Laxeiro" e dixo que se pretende que "sexa entendida esta xornada en clave festiva".
FUNDACIÓN FEIMA E CAIXANOVA
Os organizadores descataron na presentación dos actos o apoio e colaboración prestada tanto pola Fundación Feima como por Caixanova. A Fundación Feima é unha institución de recente creación que está a traballar dende Madrid na difusión dos artistas galegos e que conta cunha importante colección de arte galega do século XX.
Co patrocinio destes actos, a Fundación Feima comeza a súa colaboración coa Fundación Laxeiro na procura de unir esforzos e establecer sinerxias entre as dúas institucións que recoñecen espazos comúns de traballo, como a difusión da arte galega e o apoio aos creadores galegos emerxentes, para o que, en breve, anunciarán a convocatoria das 'Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística', que posibilitarán seguir avanzando significativamente no labor de difusión dos nosos creadores máis novos.
XORNADA FESTIVA
Con todas estas actividades, o Concello de Lalín e a Fundación Laxeiro queren lembrar a figura do artista, nunha xornada á que convidan a participar a todos aqueles que queiran sumarse ao seu recordo.
Laxeiro, como membro fundamental do grupo dos Renovadores da Vangarda Histórica, foi un dos protagonistas da entrada da pintura galega na contemporaneidade, sinalou a organización.
Dotado dunhas cualidades plásticas excepcionais e unha imaxinación desbordante, soubo sintetizar como ninguén a bagaxe da cultura tradicional galega coas linguaxes plásticas que percorreron o século XX "inventando" no primeiro tercio do século o que se coñeceu como "estética granítica", para, a partires dos anos 50, inscribirse dentro do Expresionismo entendido no senso máis amplo do termo.