SANTIAGO DE COMPOSTELA 30 May. (EUROPA PRESS) -
O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros (A Coruña) e a Mesa pola Normalización asinaron hoxe o terceiro convenio de colaboración para o uso e o fomento do galego no eido municipal.
Segundo informou hoxe o concello, o acordo asinado recolle o desenvolvemento de políticas que promoven e defenden o uso do galego nos distintos programas municipais ó tempo que fomenta a súa divulgación noutros ámbitos da actividade municipal cun importe anual de 3.000 euros.
Durante o acto, que contou coa presencia do concelleiro nacionalista responsable da citada área, Antón Tenreiro, e do presidente da Mesa, Carlos Callón, púxose de manifesto o importante papel desempeñado polo consistorio oleirense en materia de politica lingüística.
Callón salientou a traxectoria de Oleiros situándoa por riba da media en referencia ós concellos que integran a área metropolitana con mención tamén á área de politica lingüística da Xunta de Galicia que, segundo dixo, "non están a respectar e facer cumplir a lei".
Pola súa banda, Antón Tenreiro manifestou que "a axuda da Mesa é importante para defender e poñer en valor o noso idioma a nível social" e sinalou que en Oleiros, a pesares de ter unha componente sociolóxica que pudera parecer complexa a nível idiomático, "o uso do galego a nível municipal non xenera conflictos sociais e está perfectamente asumido polos seus veciños".
Os representantes de ambas entidades aproveitaron a ocasión para incidir na necesidade de concebir o coñecemento do galego como un dereito e unha obriga que deberá ser recollido así no texto do novo estatuto de Galicia co fin de propiciar unha igualdade real entre o galego e o castelán en todos os ambitos sociais e administrativos.
Asi mesmo, Carlos Callón anunciou a remisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) a todos os concellos de Galicia para a súa aplicación, ao igual que xa está a acontecer no de Oleiros.