SANTIAGO DE COMPOSTELA 13 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Concello de Santiago aportará 1.500 euros á Asociación Síndrome de Down de Compostela (Down Compostela) e a mesma cantidade á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) para axudar a ambas entidades no desenvolvemento das súas actividades sociais. Así se desprende dos convenios asinados hoxe polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cos presidentes destas dúas asociacións, Juan Jesús Martínez (Down Compostela) e Carmen Vázquez Vaamonde (ACEM).
Segundo o Concello de Santiago, estes convenios dan estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre o Concello de Santiago e estas dúas entidades, "no convencemento de que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social".
No caso de Down Compostela, o convenio establece a colaboración para o desenvolvemento de actividades en áreas como a atención temperá, con programas de acollida en hospitais e apoio psicolóxico ou de psicomotricidade. A achega tamén servirá para facer fronte ás actividades no eido da potenciación das competencias básicas, tales como logopedia e linguaxe, lecto-escritura, programa cognitivo, novas tecnoloxías ou apoio á integración escolar.
A terceira área de actuación recollida para a colaboración co Concello de Santiago é a de formación e emprego na idade adulta, con iniciativas no eido da transición á vida adulta, da inserción laboral, das novas tecnoloxías ou das familias.
En canto á colaboración coa Asociación Compostelana de Esclerose Múltiple afectará a varios servizos de fisioterapia, traballo social e logopedia, e aos programas de aquoterapia e de convivencia e integración. Ademais, realizaranse charlas divulgativas de carácter formativo e informativo e un taller de manualidades.