O concurso 'Comunicándomos' busca entre os universitarios da USC o mellor anuncio elaborado en galego

Actualizado: jueves, 27 julio 2006 19:34

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo convoca o primeiro concurso de publicidade en galego para membros da comunidade universitaria, 'Comunicándomos', que busca entre os alumnos da Universidade de Santiago (USC) o mellor anuncio elaborado en lingua galega.

Este concurso, dirixido a todas as persoas que durante este curso 2005-2006 fosen membros da USC, pretende espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria e ao mesmo tempo demostrar os coñecementos que os estudantes posúen das potencialidades do galego como lingua creativa, informou hoxe a universidade compostelana.

Cada autor poderá presentar un máximo de dous traballos. Estes consistirán no deseño dunha mensaxe publicitaria sobre ideas, produtos ou servizos tanxibles e intanxibles, así como sobre empresas ou institucións, tanto reais como ficticios.

Esta mensaxe publicitaria irá dirixida á Comunidade Autónoma de Galicia ou a algún dos seus segmentos de poboación e deberá contar cun lema en lingua galega, como elemento central e imprescindible. Ademais débese adscribir a algún dos soportes xa coñecidos como a radio, a televisión, os medios impresos ou Internet.

Os traballos téñense que presentar antes do 30 de setembro na Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresa. O xurado, que fará público o veredicto no mes de novembro, tomará como elementos de valoración a capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema, a adecuación entre o lema o soporte e o obxecto do traballo, e a adecuación da campaña aos usos e costumes galegos, así como á realidade cultural e a lingüística galega.

Para os mellores traballos haberá tres premios, un de 500 euros e diploma acreditativo para o que quede no primeiro posto, outro de 400 euros e diploma para o segundo mellor cualificado, e un terceiro premio de 300 euros e diploma.