A Consellería de Educación programa obras de mellora e ampliación en centros de Ordes e Arteixo (A Coruña)

Actualizado: lunes, 3 abril 2006 19:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten programadas diferentes obras de mellora e ampliación en centros educativos das localidades coruñesas de Ordes e Arteixo, segundo manifestou a titular do departamento, Laura Sánchez Piñón, tras mantener sendos encontros cos alcaldes dos citados municipios.

Trala xuntanza, o rexidor de Ordes, Teodosio Martino, manifestou a súa satisfacción pola acollida que lle prestara a máxima responsable educativa galega e sinalou que "chegaran practicamente a acordo en todo". Así, salientou que a conselleira lle anticipou que xa están en marcha algunhas das peticións que lle plantexara con anterioridade ao delegado de Educación en A Coruña, Pedro Armas.

Neste senso, o alcalde de Ordes sinalou que na reunión foi informado de que a Consellería de Educación está a traballar na elaboración dun novo decreto de comedores escolares "co que se van a solucionar parte dos problemas que temos co sector textil". Ao respeito explicou que as traballadoras do sector textil de Ordes teñen xornada única e vense con dificultades para darlles a comida aos seus fillos ao mediodía.

Ademais, o alcalde de Ordes destacou que a Consellería de Educación ten programada a ampliación do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Campomaior e vai executar distintas obras de mellora no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao.

Por outra banda, Sánchez Piñón mantivo un encontro co alcalde de Arteixo, Manuel Pose Miñones, que acudiu acompañado da concelleira de Educación, Xuventude e Normalización Lingüística do municipio, Marina Álvarez Bustelo. Trala reunión, Pose Miñones sinalou que lle trasladaran á conselleira de Educación "determinadas peticións ás que ela en principio foi moi receptiva".

Así, sobre o desdobramento do CEIP Ponte dos Brozos, o alcalde de Arteixo salientou que queda pendente a aceptación por parte da Administración educativa galega dos terreos que propón o concello. A concelleira de Educación de Arteixo salientou, por outra banda, que a Consellería de Educación vai acometer a carpintería interior deste centro, dentro das obras que se están a executar para levar a cabo a súa remodelación.

Manuel Pose Miñones tamén fixo referencia ao incremento das rutas con acompañante no transporte escolar anunciado recentemente pola Administración educativa, e destacou que "todo parece indicar que a Arteixo lle van a tocar algunhas rutas con acompañante".