O Consello de Goberno da USC establece que os posgrados cubran as cinco grandes áreas de coñecemento e os dous campus

Senén Barro nomeou ao catedrático Juan Casares Long e a todos os vicerreitores e vicerreitores adxuntos integrantes do consello

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 26 julio 2006 17:21

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Jul. (EUROPA PRESS) -

Os novos Programas Oficiais de Posgrao (POP) para o curso 2007-2008 tenderán a configurar unha oferta que cubra as cinco grandes áreas de coñecemento e os dous campus universitarios e deberán inscribirse nalgunhas das liñas estratéxicas que rexen a actividade da Universidade de Santiago (USC), segundo estableceu hoxe o Consello de Goberno da institución.

Este é un dos criterios definidos polo Consello de Goberno na xuntanza celebrada hoxe para, entre outros asuntos, tratar a avaliación e selección das propostas de POP para o curso 07-08.

A USC aprobará para ese curso un máximo de 15 novos POP evitando aqueles programas que xurdan da transformación dalgún dos programas de doutoramento que actualmente se imparten na USC. Os futuros POP terán en conta a "eficaz e eficiente" utilización dos recursos dispoñibles, priorizando os de carácter interdisciplinar.

Na elaboración deste criterios, a USC considera preciso desenvolver un proceso de selección das mellores propostas "atendendo a criterios de optimización dos recursos existentes, da pertinencia socio-económica para Galicia, de demanda potencial ou de oportunidades".

O Consello de Goberno tratou tamén a Memoria Económica da USC para 2005, incluíndo o expediente de incorporación de remanentes. Segundo se recolle no documento, o proceso de recondución da situación económica iniciado na USC en exercicios anteriores e consolidado no 2005, conxuntamente coas novas dispoñibilidades derivadas do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2005-2010, "garanten que a recuperación económica da USC sexa xa unha realidade".

O resultado deste proceso de axuste e mellora da xestión económico-financeira "é unha liquidación do exercicio 2005 cun remanente de tesourería non afectado de 192.000 euros, o que garante o proceso de saneamento recollido no Plan de Equilibrio Económico e Financeiro".

Ademais, as previsións definitivas de ingresos, excluído o remanente de tesourería do ano anterior, acadaron os 209,16 millóns de euros, sendo os dereitos recoñecidos de 201,67 millóns de euros, fronte a un gasto en termos de obrigas contraídas de 197,60 millóns de euros.

A finalidade da información recollida neste documento é a de dar cumprimento ao mandato que a propia USC se ten imposto de afondar na súa responsabilidade social implementando un sistema de rendemento de contas á sociedade e á comunidade universitaria, que garanta a transparencia na xestión da súa actividade

CAMBIOS

A orde do día da xuntanza do Consello de Goberno da USC incluíu ademais modificacións de Programas Oficiais de Posgrao actuais, o calendario de Posgrao Oficial, a elección de membros da Comisión de Estudos de Posgrao, a modificación do regulamento e funcionamento do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua da USC, a creación da Comisión para a Avaliación Europea da Facultade de Veterinaria ou prazas de profesorado.

O Consello de Goberno tratou tamén as prórrogas de comisións de servizo e de contratos, informe de cambios en estadías de visitantes, a aprobación de cursos de posgrao propios, a ratificación do Regulamento de Réxime Interno do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización e convenios, entre outros. No transcurso desta mesma xuntanza do órgano colexiado da USC celebrouse unha Xunta Xeral de Unixest.

Dos 15 membros que o reitor da USC pode designar como integrantes do Consello de Goberno, neste ocasión Senén Barro nomeou ao catedrático Juan Casares Long así como a todos os vicerreitores e vicerreitores adxuntos. Esta remodelación do órgano colexiado prodúcese unha vez rematado o proceso electoral no que Senén Barro resultou relixido reitor compostelán.

Contenido patrocinado