SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) reunirase mañá mércores a partir das 9.30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome para aprobar, entre outros asuntos, o límite de prazas das titulacións da institución para o vindeiro curso 2006-07.
Na xuntanza abordarase, ademais, a modificación da relación de postos de traballo do Persoal de Administración e Servizos (PAS) e do Persoal Docente e Investigador (PDI). Neste mesmo senso, trataranse tamén as prórrogas de contratos de PDI, as solicitudes de contratación de profesores eméritos e das licencias de anos sabáticos.
O Plan de Prevención de Riscos Laborais, a proposta de creación do Xardín Botánico da USC, ou os novos cursos de posgrao propio son outros dos asuntos da orde do día deste Consello de Goberno que tamén abordará a axuda institucional ás campañas electorais de elección do reitor.
A reunión deste órgano de goberno universitario inclúe a elección do representante do PAS no Consello Social e dos membros das Comisións de Investigación e de Calidade e Plenificación Estratéxica, ademais da ratificación dos regulamentos de Réxime Interno da Facultade de Psicoloxía e dos Departamentos de Ciencias da Comunicación e de Organización de Empresas e de Comercialización, así como do Instituto de Dereito Industrial.
A orde do día complétase cos puntos relativos á incorporación da Xunta de Galicia ao Centro de Investigacións e Estudos Turísticos (Cetur) e a adhesión da USC á Declaración de Berlín sobre o acceso aberto ao coñecemento nas Ciencias e nas Humainidades.