Consello.- Unha comisión interdepartamental vixiará o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua

Actualizado: jueves, 30 marzo 2006 19:53

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Goberno galego aprobou hoxe a creación da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (Pxnlg), que estará presidida pola secretaria xeral de Política Lingüística e da que formarán parte catro vogais.

Así o acordou na reunión do Consello, na que se estableceu a regulamentación deste órgano interdepartamental, xa que dous dos seus membros serán nomeados pola Consellería de Presidencia e outros dous pola Vicepresidencia.

Entre as funcións da comisión está a de consensuar o deseño e a aplicación das políticas da Xunta no marco do plan, impulsalo, desenvolvelo e seguilo e realizar propostas á Secretaría Xeral de Política Lingüística en tódalas funcións que se lle atribúen na súa estrutura orgánica.

Así mesmo, ten encomendado estudar e emitir informes sobre os proxectos de decretos, ordes, plans de actuación e desenvolvemento de liñas estratéxicas da Secretaría Xeral, así como informar dos proxectos que impulsen as diferentes consellerías no ámbito da lingua.

De igual modo, serán competencia da Secretaría Xeral, como presidenta da comisión, acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así coma a determinación da orde do día, tendo en conta as propostas dos demais membros, decidir as votacións en caso de empate e vixiar a execución do que se acorde.

Pola súa banda, os vogais poderán propor á presidencia a inclusión de asuntos na orde do día e formular rogos e preguntas, solicitar e recibir a información necesaria pra cumprir as funcións que teñen asignadas e apuntar iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento Pxnlg, ademais de velar polo cumprimento das actividades de impulso.