SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -
Galicia dótase dun Centro Coreográfico para o Desenvolvemento da Danza, que terá a súa sede na Coruña e estará coordinado por Natalia Balseiro. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, explicou hoxe que o novo centro ten como función "realizar o labor de vertebración profesional do sector que se adica actualmente á danza, ademais de servir como instrumento para a formación e a difusión deste eido artístico entre toda a cidadanía".
Nun acto en Santiago, Ánxela Bugallo deu conta de que a nova entidade será unha unidade adscrita ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem). Engadiu que o novo centro desenvolverá funcións tanto de produción de espectáculos --mediante a participación de artistas e elencos de distintos estilos-- como de promoción da danza a todos os niveis.
Segundo dixo, con este centro sentanse as bases para unha nova orientación da danza en Galicia, onde "terán cabida todos os estilos, desde o contemporáneo como o tradicional, pasado pola revisión das novas tendencias".
A conselleira de Cultura suliñou que todo o proceso de creación deste proxecto --que ven a reorganizar a actividade da Xunta en relación coa danza, tras a desaparición do Ballet Galego Rei de Viana-- está a desenvolverse en colaboración co sector da danza en Galicia.
COORDINACIÓN E DIRECCIÓN ARTÍSTICA
Segundo explicou Bugallo, o centro terá unha coordinadora e a dirección artística recaerá en profesionais convidados. Así, o Consello Reitor do Igaem nomeou como coordinadora do Centro Coreográfico para o Desenvolvemento da Danza a Natalia Balseiro, técnico e asesora de Cultura do concello de San Sadurniño entre 1999 e 2004, e até agora responsable da Área de Proxectos da Red Nacional de Teatros, Auditorios e Circuítos de Titularidade Pública.
Balseiro, que ten participado nos últimos anos na xestión de eventos e foros de difusión de artes escéncias como a Feira do Teatro de Galicia ou o Escenium, asume a súa nova tarefa coa perspectiva de materializar o punto de encontro primordial da danza en Galicia e un centro de referencia para todo o noroeste peninsular.
Segundo explicaron hoxe os responsables deste novo proxecto, entre os seus obxectivos destacan o artellamento dun sistema mixto de producións propias co apoio ás compañías privadas mediante a posta a disposición de todos os recursos dispoñibles, a creación de dinámicas que favorezan o intercambio entre profesionais, o incremento da presenza social da danza a través da programación de accións pedagóxicas específicas e a contribución á exhibición, distribución e produción de espectáculos coreográficos.
A coordinadora do novo centro explicou que o papel de formación do novo centro non ten que ver cunha escola de danza, senón que está previsto a través de seminarios de especialización dirixidos aos profesionais.
O PRIMER ESPECTÁCULO O Centro Coreográfico para o Desenvolvemento da Danza prepara xa o seu seu primeiro espectáculo, que terá deseño e dirección da bailarina e coreógrafa ourensá Maruxa Salas, titular da compañía Neodans e Cunha ampla traxectoria profesional. Para este espectáculo inaugural, que se prevé sexa estreado en decembro, Salas conta xa cun elenco de 10 bailarinas e 5 bailaríns seleccionados nas audicións celebradas o pasado 15 de xuño.
Maruxa Salas será, pois, a responsable artística da proposta escénica coa que principiará un novo camiño, aberto e plural, canto ao xeito de producir danza en Galiza desde a Administración pública, e no que cada ano se estrearán novas producións nas que terán cabida estilos que van desde a danza contemporánea até a revisión do baile tradicional pasando por todo o abano de novas tendencias.
Salas avanzou que o espectáculo é un proxecto multidisciplinar que combina danza, audiovisual e música galega. Asegurou que é un traballo "plantexado con moita ilusión e ganas", para o que conta con bailaríns que dominan distintas disciplinas e técnicas de danza.