A Deputación de Pontevedra presenta unha reedición en galego do libro sobre o Mosteiro de Acibeiro

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 13 enero 2006 20:15

PONTEVEDRA 13, (EUROPA PRESS)

A Deputación de Pontevedra presentará o vindeiro 21 de xaneiro unha reedición en galego do libro "O Mosteiro de Aciveiro. Terra de Montes", do que é autor Antonio Rodríguez Fraiz. Este volume, que se publicou por primeira vez en castelán no ano 1973, estaba esgotado actualmente e nesta ocasión o Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra reedítao en galego.

No acto, que se celebrará no propio mosteiro, situado no concello de Forcarei, abordarase a historia deste estudo de investigación histórica no que Antonio Rodríguez Fraiz desvela as orixes desta construcción relixiosa, descoñecida debido á queima dos seus arquivos e ás escasas referencias documentais que se conservan.

Rodríguez Fraiz, cronista oficial de Terra de Montes e coñecido como "verdadeiro arquivo humano de historias e lendas" describe neste traballo o interior, os exteriores do templo e a súa localización, descobre a súa fundación, a vida relixiosa, así como as doazóns e privilexios reais dos que foi obxecto.

A obra amosa o "poderío relixioso, social e económico" que chegou a acadar o mosteiro aciveirense que, malia non ter sido dos máis ricos, posuía un importante conxunto de bens, foros, rendas e encomendas. Amósase tamén unha relación dos abades e relixiosos que rexeron o convento e recóllese un cancioneiro que trata de motivos diversos do mosteiro e dos seus habitantes.

Contenido patrocinado