A deputada provincial Margarida Vázquez garante aos concellos de A Coruña a continuidade dos programas sociais

Actualizado: martes, 10 enero 2006 18:03

A CORUÑA, 10 Ene. (EUROPA PRESS) -

A responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación de A Coruña, a nacionalista Margarida Vázquez, confirmou hoxe a continuidade dos convenios que a institución provincial ten cos concellos da provincia en materia de servicios sociais.

Nun encontro con coordenadores dos departamentos responsables destes servicios nos 94 concellos da provincia, Margarida Vázquez asegurou que estes convenios seguirán a funcionar e indicou que únicamente están a espera de a saber se a Deputación coruñesa ou a Xunta se fará cargo da parte económica.

Neste senso, a deputada do BNG avogou pola cooperación entre as dúas administracións para garantir a estabilidade e a continuidade no tempo dos programas de servicios sociais que os concellos da provincia prestan a través dos convenios co organismo provincial.

No encontro, explicou que eses convenios, asinados desde hai anos coa meirande parte das administracións locais, están este ano en espera do resultado das conversas que se abriron coa Vicepresidencia do Benestar Social.

Margarida Vázquez sinalou que "a coordenación coa Xunta sería fundamental" e indicou que se finalmente o Goberno autonómico asume o financiamento deses convenios "a deputación podería destinar máis diñeiro a outro tipo de actuacións, igualmente necesarias, e que hoxe non se poden acometer por falta de recursos económicos", apuntou.

Por outra banda, indicou que se está a estudiar a posibilidade de que os concellos simplifiquen os trámites para solicitar subvencións para servicios sociais, presentando unha única solicitude que sirva para Xunta e deputación, e facendo tamén unha única xustificación do gasto.