O Día da Muiñeira congregará mañá a 35 grupos folclóricos e medio milleiro de nenos de Santiago e comarca

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 26 mayo 2006 21:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA 26 May. (EUROPA PRESS) -

Ata 35 grupos de folclore galego participarán mañá en Santiago no Día da Muiñeira, onde os 500 nenos destas agrupacións serán "os principais protagonistas" da vixésimoquinta edición desta xornada adicada á música popular da comunidade, que se enmarca no contexto das festas da Ascensión.

Así, a organización das festas explicou hoxe que o programa quere combinar tradición e modernidade coa fin de que os máis novos coñezan a cultura do baile galego. Ás seis da tarde comezará o percorrido polas rúas da cidade, ó final do que actuará o grupo cómico para nenos 'Mamá cabra'.

Ademais, a organización recordou que mañá tamén terá lugar a celebración da VIII Festa para os Nosos Maiores, que terá lugar no recinto feiral de Amio, onde haberá música e se ofrecerá de xantar.

Por outra banda, estas mesmas fontes informaron de que o concerto do grupo Celtas Cortos congregou a 8.000 persoas no Campus Sur. Con respecto ó traslado das actuacións a esta zona, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, sinalou que a decisión foi "un acerto" porque "sería imposible" levar esa cantidade de xente ó casco histórico, ademais de que a nova ubicación ter unha acústica "mellor".

Así mesmo, Baqueiro destacou o "gran civismo" co que están a actuar os máis novos, xa que "non hai que lamentar destrozos importantes no mobilario urbano". Do mesmo xeito, tamén descartou que a cercanía do Sanatorio da Esperanza con respecto ó escenario dos concertos supuxese un problema de ruído "xa que as árbores protexen o centro do sonido". Neste sentido, apuntou que "poden facer máis ruído os carruseis da Alameda, pola súa maior altura".

Por último, a organización asegurou que a asistencia ás actuacións das orquestras "duplicouse" con respecto ás expectativas iniciais. Nesta liña, indicou que a agrupación 'París' congregou a un total de 4.000 persoas durante o seu espectáculo do mércores.

Contenido patrocinado