SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Ene. (EUROPA PRESS) -
Os docentes interesados en realizar cursos presenciais de perfeccionamento de lingua galega terán ata o 9 de febreiro para presentar as súas solicitudes e tamén poderán matricularse nas probas libres de perfeccionamento ata o 27 de xaneiro.
Os cursos presenciais de perfeccionamento de lingua galega realizaranse en A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e requiren un mínimo de 15 alumnos inscritos. En Galicia, segundo informou a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, están a impartir clase ao redor de 75.000 docentes repartidos no ensino privado e público.
As listas de admitidos publicaranse o 13 de febreiro e no caso de que se configuren as unidades co alumnado mínimo, os cursos comezarán o 16 de febreiro. No caso das probas libres de perfeccionamento, as listas de admitidos faranse públicas o 2 de febreiro e as probas realizaranse dous días despois, o 4 de febreiro.
En ámbalas dúas modalidades de formación, os interesados deberán achegar, entre a documentación que faciliten, o certificado ou validación do curso de iniciación. Ademais, os docentes que participen no concurso de traslados deste curso 2005-06 terán prioridade a hora de realizar tanto os cursos presenciais como as probas libres.
Os interesados poden recoller as instancias nos gabinetes de normalización lingüística das catro delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
ORAL E ESCRITO
Os cursos de perfeccionamento en lingua galega teñen como obxectivo lograr que o alumnado remate o ciclo de formación dominando o discurso oral e escrito en galego, así como as técnicas de redacción de documentos precisos para a súa vida social e laboral.
Así, os contidos destes cursos estrutúranse en varios módulos. O de lingua oral, inclúe comunicación oral e fonética, mentres que o de gramática mellora os coñecementos dos alumnos en ortografía e gramática da lingua galega.
O módulo de léxico inclúe nocións de campos semánticos e relacións léxicas e presenta tamén algúns problemas do léxico como poden ser os arcaísmos ou os hiperenxebrismos. Estes cursos tamén contan cun módulo de redacción e outro de documentación, así como unha parte dedicada á historia da lingua, á dialectoloxía, á cultura e á economía.