Educación abre o prazo de solicitude de créditos bancarios a xuros baixos destinados aos estudantes universitarios

Actualizado: miércoles, 12 julio 2006 17:03

O alumno poderá optar a un máximo de 3.000 euros se estuda e ten residencia en Galicia e a 6.000 se cursa estudos noutra comunidade

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá unha contía máxima de 12.000 euros no financiamento de parte dos créditos bancarios a xuros baixos para os alumnos universitarios que os soliciten para financiar os seus estudos ou para a prórroga das axudas concedidas na convocatoria anterior.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas ao alumnado universitario galego interesado en solicitar ditos créditos bancarios a xuros baixos para o financiamento dos seus estudos ou na prórroga das axudas concedidas na convocatoria anterior.

Educación, grazas a un convenio de colaboración coas entidades financeiras Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, facilita ao alumnado universitario galego créditos bancarios a xuros baixos para o financiamento dos seus estudos.

Poden optar a estas axudas os estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo, ademais de aqueles que cursen os novos programas oficiais de posgrao (POP), correspondentes ao curso 2006-2007. Tamén os que desexen prorrogar o financiamento dos xuros do préstamo concedido en convocatorias anteriores.

CANTIDADE MÁXIMA

A cantidade máxima será de 3.000 euros por cada petición, cifra que ascenderá a 6.000 se o alumnado ten a súa residencia fóra de Galicia ou se estuda nalgunha universidade fóra do sistema universitario galego.

O prazo de amortización de capital será de tres a cinco anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Se opta por un prazo de amortización superior a tres anos, o tipo de xuro pasaría do 5,5% ao 6% desde o inicio do primeiro ano de amortización. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.

Para acceder a estes créditos é necesario cursar estudos nalgunha universidade do sistema universitario galego, independentemente de ter residencia ou non na comunidade. Así mesmo, poderán optar ao financiamento aqueles estudantes que cursen estudos nalgunha universidade de fóra da comunidade e teñen residencia en Galicia.

A Consellería de Educación financia a terceira parte dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo (2%), e a entidade financeira outro tanto, mentres que o resto correrá por conta do estudante. Polo tanto, o alumno liquidará o préstamo ao tipo de xuro neto do 1,5% ou 2% nominal anual.

As bases e a documentación necesaria para a solicitude poden consultarse no Diario Oficial de Galicia. A solicitude deberá ser presentada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ata o 12 de setembro de 2006.