SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Alta Inspección de Educación en Galicia comprometéronse hoxe a ampliar a os programas de reforzo, orientación e apoio a 36 novos centros galegos o vindeiro curso escolar.
Así o acordaron hoxe a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e o director da Alta Inspección de Educación en Galicia, José Antonio López Blanco, nun encontro ao que asistiu a alta inspectora de Educación na Comunidade galega, María Jesús Souza.
O director da Alta Inspección de Educación en Galicia destacou que se seguirá avanzando na colaboración coa Administración educativa autonómica en proxectos como o Plan PROA -programa de reforzo, orientación e apoio-, que se ampliará no vindeiro curso escolar a 36 novos centros que se veñen a sumar aos 40 que xa están traballando nesta iniciativa neste curso.
Trala xuntanza, López Blanco sinalou que abordaron coa máxima responsable educativa galega as funcións da área da Alta Inspección e que afectan á consellería así como os convenios e programas nos que colaboran o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) e o departamento educativo galego.
O programa busca potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar do alumnado, ao tempo que mellora a súa integración social e facilita a continuidade na progresión da acción educativa. Ademais, José Antonio López Blanco tamén referiuse a outros programas nos que traballan conxuntamente o ministerio e a consellería, tales como as Escolas viaxeiras, Rutas literarias ou Aulas da natureza.
Por outra banda, o director da Alta Inspección de Educación en Galicia manifestou que durante a reunión coa conselleira tamén trataron "o desenvolvemento do Observatorio da Convivencia", así como o dos "currículos que establece a LOE", de xeito que "haberá que ver unha forma de cooperación para que se axusten á normativa".