SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Feb. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, animou hoxe aos alumnos galegos a participar no seu futuro académico en programas de intercambio internacional porque lles permitirá coñecer "outras realidades".
Sánchez Piñón lembroulles aos estudiantes que en Galicia se fai investigación punteira "internacionalmente recoñecida" e subliñou o carácter solidario das universidades galegas "que promoven a participación activa dos universiatrios en proxectos para a integración e a plena participación social".
A titular de Educación inaugurou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra as VIII Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao Sistema Universitario de Galicia (SUG). Ao acto asistiron o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López; o director xeral de Ordenación e Calidade do SUG, José Ramón Leis Fidalgo; e o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, entre outros.
Ademaís, no acto de inauguración participaron un total de 750 alumnos procedentes de centros de Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ribadavia. Estes últimos, pertencentes aos IES O Ribeiro e Abrente, asistiron á xornada inaugural a través de videoconferencia.
A máxima responsable educativa galega referiuse, no seu discurso de inauguración, "ás importantes razóns" que existen para estudar en Galicia. Así, destacou a ampla oferta de titulacións, "que dá resposta a case todas as vocacións" e "na que o emprego das tecnoloxías da información e da comunicación están facendo máis fácil os diferentes ámbitos da vida do estudante".
XORNADAS
As Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao SUG véñense organizando desde o curso 1998-99 pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, pertencente á Consellería do Medio Rural.
A súa finalidade é achegar información relevante e de calidade aos alumnos de Bacharelato e aos dos ciclos formativos de grao medio e superior de Galicia sobre a organización do sistema educativo de ensino superior.
Este ano, por primeira vez, facilitarase tamén información sobre as ensinanzas superiores non universitarias, isto é, a Formación Profesional de grao superior e as Ensinanzas Artísticas, porque, segundo sinalou Sánchez Piñón, "estas ofertas educativas están a ter nos derradeiros anos un importante pulo e demanda social", e isto "fai necesaria a súa divulgación".
Aproveitando a comarca como unidade estratéxica, as VIII Xornadas sobre Estrutura e Acceso ao SUG, que se desenvolverán nos meses de febreiro e marzo, chegarán a un total de 364 centros de ensino das 53 comarcas galegas, cunha asistencia prevista de máis de 12.000 alumnos, o que supón un incremento respecto da edición anterior de preto dun 50%.
Estas Xornadas acompáñanse dunha exposición didáctica itinerante na que terán un papel destacado as tecnoloxías da información e da comunicación, que facilitarán o proceso de busca de información sobre o SUG e outras ensinanzas superiores, así como das probas de acceso á Universidade.
Ademais, facilitaráselles aos alumnos a publicación 'Ensino Superior en Galicia. Guía do estudante 2006', que estará dispoñible en formato papel e tarxeta-CD. Toda esta información poderase ampliar coa consulta do portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria --www.edu.xunta.es--.
EDUCAR EN VALORES
Laura Sánchez Piñón destacou que a formación superior "transmite coñecementos pero tamén educa en valores, actitudes e habilidades necesarias para a vida e o mercado laboral". Sinalou tamén que neste proceso de formación integral "os profesores, titores e orientadores son os axentes principais", ao tempo que os animou a asesorar aos alumnos no camiño dos estudos superiores coa axuda destas xornadas.
A conselleira de Educación avogou por "reforzar as políticas educativas que vaian en sintonía coas correntes pedagóxicas que demostran mellorar a calidade do ensino". Así, sinalou que un dos obxectivos principais do departamento que ela dirixe é "velar polo bo funcionamento do sistema e aportar melloras que faciliten a adaptación aos cambios constantes que experimenta a nosa sociedade".