SANTIAGO DE COMPOSTELA 26 May. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará co colectivo Alar Galicia para o desenvolvemento do proxecto 'Coaching menores', que consiste en brindar acompañamento profesional a rapaces menores de 18 anos.
Así o acordaron na xuntaza mantida hoxe entre a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a presidenta de Alar Galicia, Marijé Díaz, que acudiu acompañada do vicepresidente da entidade, Fernando González. Trala reunión, Marijé Díaz sinalou que lle presentaran á máxima responsable da Administración educativa galega a actividade de Alar Galicia, e, en concreto, o devandito proxecto.
Así, a presidenta de Alar Galicia amosouse "gratamente satisfeita", ao tempo que manifestou que o equipo da Consellería de Educación ofreceulle o apoio ao seu camiño de traballo co 'Coaching', posto que este proxecto "xa o coñecían e lles parece moi interesante", engadiu.
Deste xeito, Marijé Díaz sinalou que 'Coaching menores' desenvolve o acompañamento a menores "que teñen dificultades familiares, persoais ou educativas" na cidade de Lugo mediante o labor de educadores sociais que "traballan directamente a problemática que teñan, fundamentalmente o acompañamento, as carencias e as habilidades sociais". Segundo sinalou a presidenta de Alar Galicia, o proxecto 'Coaching menores' busca "previr que os mozos entren nunha situación de marxinalidade".
Alar Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa no ámbito dos Servizos Sociais en Galicia desde o ano 2001. Diferentes profesionais deseñan e poñen en funcionamento proxectos reais de incorporación sociolaboral destinados a formar ás persoas con problemáticas específicas que dificultan o seu acceso ao mercado laboral e á vida social normalizada.
Entre as actividades que ofertan atópanse obradoiros de emprego, cursos do servizo galego de igualdade, diversos proxectos, e a posibilidade de acceder a unha axencia de emprego.