Educación convoca bolsas para axudar a alumnos galegos con dificultades económicas a seguir os estudos na universidade

Actualizado: sábado, 17 junio 2006 15:33

O importe anual por bolsa non poderá ser superior aos 5.000 euros

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar bolsas destinadas ao alumnado galego cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas. O departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón destina a esta acción un total de 76.629 euros e enmarca esta iniciativa na súa aposta a prol do desenvolvemento da función social das universidades galegas.

Segundo salientou hoxe a Xunta, a convocatoria apareceu xa na correspondente orde publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) do venres. Nela anúnciase a posibilidade de solicitar bolsas e axudas para estudantes --galegos, descendentes de galegos, ou con residencia familiar en Galicia-- que cursen estudos universitarios de primeiro e segundo ciclo no curso 2006/07 e que presenten unha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impiden ou dificulten a continuidade dos seus estudos.

Para poder concorrer a estas axudas, os solicitantes deben cumprir requisitos como estar matriculados no curso 2006/07 en, como mínimo, 50 créditos ou os que resten para adquirir a titulación; que a renda per capita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual; xustificar documentalmente a causa sobrevida e imprevista que lle impida ou dificulte continuar os seus estudos, así como que as condicións socioeconómicas actuais se deben á nova situación; e que a situación sobrevida ou imprevista acontecese durante os anos 2005 ou 2006.

O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG --que foi o 16 de xuño-- ; e o prazo máximo para resolvelas será de seis meses, contados a partir da mesma data.

A selección dos bolseiros, que será realizada por unha comisión de avaliación, farase entre todos os solicitantes que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa nos prazos sinalados. Deste xeito, esta comisión elaborará unha relación de bolseiros beneficiarios que recibirán unha axuda económica, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e cunha serie de criterios de valoración e porcentaxes, establecendo un importe anual por bolsa que non poderá ser superior aos 5.000 euros.

LISTAS EN INTERNET

Así, unha vez comprobado que todas as peticións reúnen os requisitos fixados nesta orde, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas, desde o 26 de xullo ao 4 de agosto, nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorados de estudantes das tres universidades galegas. Tamén poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG (www.edu.xunta.es).

A Consellería de Educación salienta que, entre as súas liñas de acción, está o fomento das relacións coa sociedade, potenciando canles e instrumentos eficaces que favorezan a conexión entre as universidades do SUG e o seu contorno.

Neste senso, lembrou que se iniciaron diferentes liñas estratéxicas, como é o desenvolvemento da función social das universidades galegas, de maneira que, ademais da súa implicación na mellora dos sistemas de ciencia e tecnoloxía, de calidade do ensino, do uso sostido de recursos, desenvolva a súa capacidade para dar resposta ás demandas sociais e a súa implicación no traballo social e a cooperación para o desenvolvemento.

Esta iniciativa enmárcase no conxunto de accións de apoio económico ao alumnado de ensino universitario que a Administración educativa galega está a levar a cabo, e a través das cales este departamento pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.