Educación destina 340.000 euros a axudas de dedicación exclusiva á tarefa científica que beneficarán a 10 investigadores

Actualizado: jueves, 27 julio 2006 18:59

A USC recibirá 238.000 euros para sete beneficiarios, a UDC 34.000 para unha persoa e a de Vigo 68.000 euros para dúas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria destina 340.000 euros á concesión de axudas enmarcadas no Programa de promoción da intensificación da actividade investigadora no Sistema Universitario de Galicia (Programa I3) que beneficiarán a un total de 10 investigadores que se dedicarán exclusivamente á tarefa investigadora durante este ano 2006.

Así o recolle a publicación de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que a consellería de Educación destinará 238.000 á Universidade de Santiago de Compostela (USC) para que sete investigadores se centren na tarefa científica. Os beneficiados pertencen aos departamentos de Farmacia e Tecnoloxía; Física de Partículas; Farmacoloxía; Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses; Filoloxía Inglesa; Estatística e Investigación Operativa; e Química Física.

A Universidade de A Coruña recibirá 34.000 euros ao abeiro destas axudas que beneficiarán a un único investigador do departamento de Electrónica e Sistemas. Pola contra, a Universidade de Vigo percibirá 68.000 euros para dous investigadores pertencentes aos departamentos de Teoría do Sinal e Telecomunicacións e Química Orgánica.

O período de intensificación da actividade investigadora comezou a computarse o 1 de xaneiro deste ano e rematará o 31 de decembro. A Administración educativa concedeu unha axuda máxima para cada intensificación de ata 34.000 euros por ano e profesor-investigador. Esta cantidade destinarase á retribución ou compensación por substituír a actividade docente do profesor-investigador que se dedique en exclusiva á investigación. Ademais, a axuda autonómica podería financiar, entre outros custos, a contratación de persoal de apoio ou investigadores para o desenvolvemento da actividade investigadora.

A Consellería de Educación achegará as axudas á universidade beneficiaria, que será a encargada de retribuír aos profesores-investigadores e investir as axudas de acordo cos obxectivos da convocatoria.

EXPERIENCIA

Os profesores que se benefician destas axudas tiveron que acreditar experiencia e calidade científica curricular, achegando como mínimo catro contribucións a publicacións científicas de prestixio internacional -libros, revistas, publicacións electrónicas, revistas científicas ou patentes rexistradas- que supoñan unha achega real e que fosen realizadas desde o ano 2002 ata a actualidade.

Ademais, desde o ano 2001 deberon dirixir dous ou máis proxectos financiados en convocatorias nacionais ou internacionais e polo menos outro proxecto financiado mediante axudas, convenios ou contratos de proxectos de investigación con entidades públicas ou privadas cun valor mínimo de 120.000 euros. Os investigadores tiveron que certificar tamén que están a desenvolver unha actividade de investigación que xustifique a súa intensificación no ano 2006.

O Programa I3 está promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia e, no caso de Galicia, desenvólvese en colaboración coa Administración autonómica. Esta iniciativa pretende abrir unha vía de apoio directo aos profesores-investigadores que, en función da súa actividade científica e tecnolóxica, requiran incrementar a súa dedicación intensiva á función investigadora.

O Programa I3 tamén se propón facilitar ás universidades a axuda necesaria para que este colectivo poida intensificar a súa dedicación a actividades de investigación, co seu grupo de traballo e dentro da propia universidade. Finalmente, este proxecto busca incentivar ás universidades e aos profesores universitarios na procura de excelencia nas súas funcións investigadoras.