Educación inviste case 180.000 euros en axudas para que os universitarios estudien idiomas no estranxeiro

Actualizado: martes, 18 abril 2006 21:32

Cada estudante poderá recibir como máximo unha bolsa de arredor de 2.000 euros

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá un total de 177.347 euros en axudas para os universitarios co fin de sufragar parte dos gastos ocasionados pola realización de cursos de idiomas no estranxeiro e pola asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares, cun máximo de 2.000 euros para cada estudante.

Así o convocou a consellería a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe polo que concede axudas dirixidas a estudantes universitarios matriculados nunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) durante o curso 2005-06.

As actividades obxecto destas axudas serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2006. O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados desde mañá mércores, 19 de abril de 2006, e o prazo máximo para resolvelas será de seis meses contados tamén a partir de mañá. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora en atención á cualificación obtida polo alumno en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico.

A adaptación dos alumnos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional.

Nesta liña, o departamento educativo autonómico é consciente da importancia de apoiar as iniciativas dos estudantes que poidan contribuír a enriquecer a súa formación académica e científica, tanto no ambiente dos centros e das universidades do SUG como en calquera outro lugar en que se produzan eventos, congresos, simposios, seminarios e calquera outro tipo de acontecementos que poidan complementar a dita formación.

A Consellería de Educación pretende, co financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea, favorecer a aprendizaxe e o perfeccionamento dun segundo idioma, ao tempo que establecer contacto con outras culturas. A Administración educativa galega destinará 124.751 euros para sufragar os gastos derivados destas estadías.

REQUISITOS

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que estean matriculados no presente curso en calquera das universidades do SUG (Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) ou dos centros asociados da UNED en Galicia; posúan unha nota media simple no expediente académico de 1 punto ou superior; e cursen estudos regrados de carácter oficial e validez nacional de 1º ciclo, de 1º e 2º ciclo ou de 3º ciclo.

Ademais, os solicitantes deberán ter superado, no momento de presentación da solicitude, 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo, e, no caso dos estudos de 3º ciclo, deberán estar matriculados na etapa de formación.

Outro dos requisitos que se lles esixe aos estudantes que soliciten estas axudas é atoparse matriculado, nos planos de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou os que restan para adquirir a titulación. Por último, para que se lles conceda a bolsa, os alumnos deberán realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, cunha duración mínima de dúas semanas e máxima de 12, e unha asistencia de tres horas diarias de clase.

A contía que percibirá cada estudante determinarase en función dos seguintes criterios: o expediente académico, polo que recibirá un máximo de 400 euros; a área xeográfica na que se realice o curso, que oscilará entre os 180 euros de Portugal e os 400 euros da área xeográfica que corresponde a Dinamarca, Estonia, Finlandia, Suecia, Letonia e Lituania; a duración da estadía, pola que se percibirá un máximo de 90 euros/semana; e os ingresos familiares, polos que o estudante recibirá ata un máximo de 140 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar, establecendo tramos proporcionalmente ata un máximo de renda de 9.600 euros/membro.

ASISTENCIA A CONGRESOS OU SIMPOSIOS

O obxecto desta convocatoria é favorecer a participación e asistencia dos estudantes universitarios do SUG a congresos, simposios, seminarios ou similares en que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudo na titulación cursada.

Educación achega un total de 52.596 euros para financiar estas actividades. Para poder optar a estas axudas, os estudantes deberán presentar unha soa solicitude; estar matriculados no curso 2005/06 en calquera das universidades do SUG ou dos centros asociados da UNED no derradeiro curso dunha titulación de primeiro ciclo, no segundo ciclo de titulacións de ciclo longo ou na etapa de formación de terceiro ciclo; atoparse matriculados, nos plans de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou nos que restan para adquirir a titulación; e posuír unha nota media simple no expediente académico de 1 punto ou superior.

Os solicitantes deberán asistir a un congreso, seminario, simposio ou similar, organizado por universidades públicas, privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico en que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudo na titulación ou doutoramento que realicen. Ademais, as actividades deberán contar cunha duración mínima de 30 horas acreditadas pola entidade organizadora.

Para a concesión da axuda, terán preferencia aqueles alumnos que participen no evento mediante a presentación de comunicación, póster ou similar. O importe máximo de cada bolsa non poderá superar os 2.000 euros por solicitante, e determinarase en función de tres criterios: o expediente académico (máximo de 1.000 euros); e a presentación ou non de comunicación, póster ou similar en función do lugar de celebración.

Así, a cuantía oscilará entre os 30 euros que percibirán aqueles estudantes que non presenten comunicación, póster ou similar naqueles eventos que teñan lugar en Galicia, e os 1.000 euros para os alumnos que, nos simposios celebrados en países extraeuropeos, presenten este material.