Educación inviste uns 3 euros na execución dun Instituto de Secundaria no Concello de Brión (A Coruña)

Actualizado: viernes, 4 agosto 2006 23:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vai acometer a construción dun Instituto de Educación Secundaria (IES) no Concello de Brión, no que investirá un total de 3.236.433,11 euros. A obra responde ao obxectivo deste departamento de ampliar a oferta educativa mediante centros de ensino públicos integradores do seu contorno e que procuren o menor desprazamento do alumnado.

Por outra banda, o departamento educativo galego vén de anunciar, a través da publicación dunha orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, a licitación, polo sistema de concurso e procedemento aberto, para a contratación de obras de mellora no Centro de Educación Especial (CEE) A Barcia, de Santiago de Compostela, e no Colexio de Educación Primaria (CEP) Ramón de Artaza y Malvárez, de Muros.

Así, no CEE A Barcia levarase a cabo a obra de adaptación de espazos e mellora da accesibilidade. Esta actuación conta cun orzamento base de licitación que ascende aos 106.175,89 euros.

No mesmo senso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria actuará no CEP Ramón de Artaza y Malvárez, de Muros, acometendo a reforma do centro e obras varias. A Administración educativa autonómica vén de anunciar a licitación desta obra por importe de 364.335,10 euros.

Estas actuacións enmárcanse dentro da política da Administración educativa autonómica de cara a apostar por un ensino de calidade impartido en centros públicos dignos, dotados de infraestruturas deportivas e de equipamentos que dean resposta ás demandas da comunidade educativa galega.