SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria oferta 120 postos de directores e asesores de formación dos centros de formación e recursos e de asesores do servizo de formación do profesorado, segundo unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe para cubrir postos de directores ou directoras dos centros de formación e recursos (CFRs) da Comunidade galega.
Ademais, o DOG de hoxe recolle tamén a convocatoria de concurso público para cubrir un total de 95 postos de asesores e/ou asesoras de formación nos CFRs da Comunidade. Así, os solicitantes poderán optar aos seguintes postos: 16 no CFR de A Coruña, 10 no de Ferrol, 14 no de Santiago de Compostela, 14 no de Lugo, 13 no de Ourense, 12 no de Pontevedra, e 16 no de Vigo.
Por outra banda, a Administración educativa autonómica convoca concurso público para cubrir 18 postos de asesores do Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación nas seguintes áreas: 2 na Asesoría de bibliotecas escolares; 1 na de bioloxía e xeoloxía, 1 na de educación infantil, 1 na de educación primaria, 1 na de ciencias sociais, xeografía e historia, 1 na de física e química, 2 na de formación profesional (produción de bens e servizos), 1 na de lingua castelá e literatura, entre outras.
REQUISITOS
Poderán participar neste concurso os funcionarios e funcionarias de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas de niveis non universitarios, con destino en centros dependentes da Administración educativa galega.
Os profesores e profesoras solicitantes estarán en posesión do curso de perfeccionamento de lingua galega ou dunha certificación equivalente, e deberán reunir os requisitos seguintes: encontrarse en situación de servizo activo nos centros educativos, ou servizos educativos, na Comunidade galega; e contar cun mínimo de cinco anos de experiencia docente como funcionario de carreira.
As persoas que participen no concurso para cubrir postos de directores deberán achegar, acompañando á solicitude, o proxecto de dirección para desenvolver no marco temporal de tres cursos académicos que versará sobre os seguintes puntos: a formación permanente do profesorado na Comunidade de Galicia; o Plan de formación; a función directiva; o Plan de actuación; e a avaliación do CFR e das súas actividades. O prazo de presentación de instancias e documentos será de quince días naturais contados a partir de mañá xoves, 22 de xuño.
No caso do concurso público para cubrir postos de asesores nos CFRs da Comunidade, os aspirantes presentarán o proxecto de asesoría de formación dos CFRs, no marco temporal de tres cursos académicos, que desenvolverá, polo menos, os seguintes puntos: marco lexislativo que regula a formación do profesorado, innovación e formación permanente, liñas prioritarias e estratexias de actuación, plan de actuación para tres anos, e criterios e proceso de avaliación do plan.
Na mesma liña, os candidatos a cubrir os postos de asesores de formación deberán achegar, na súa solicitude, o proxecto de asesoría para o Servizo de Formación do Profesorado, no marco temporal de tres cursos académicos, e que desenvolverá, polo menos, os mesmos puntos que se recollen no devandito proxecto de asesoría de formación dos CFRs.
SELECCIÓN
Para a selección das persoas candidatas, a comisión terá en conta o proxecto de traballo como director ou directora e os méritos alegados. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses contados desde hoxe.
Os funcionarios e funcionarias docentes que resulten seleccionados quedarán adscritos aos postos adxudicados a partir da data que se indique na resolución definitiva e permanecerán neles en réxime de comisión de servizos, con reserva de posto de traballo de orixe, por un período de tres anos, ampliable a outros tres condicionado á superación dun proceso de avaliación do exercicio da súa actividade.
No primeiro ano do nomeamento haberá un período de prácticas e a súa valoración positiva resolverá a continuidade no posto. No tocante ás retribucións, o funcionario docente que resulte seleccionado percibirá o complemento específico correspondente a director ou directora de CFRs.