A CORUÑA 5 Ago. (EUROPA PRESS) -
A escritora Paula Carballeira presentará hoxe na Feira do Libro de A Coruña a súa última obra, 'Smara' editada por Kalandraka, un relato ambientado no deserto do Sahara, no que a autora fai "unha aposta pola melancolía" e unha homenaxe á cultura lendaria do pobo saharaui.
O acto celebrarase a partir das 20.00 horas e consistirá nunha sesión de contos e música para tódolos públicos, que rematará cunha firma de libros da autora.
Paula Carballeira, filóloga, actriz e contacontos galega, ten publicados varios relatos destinados principalmente ao público infantil e xuvenil, entre os que destacan 'Mateo' e 'Paco', editados tamén por Kalandraka.
'Smara' destaca, ademais, pola proposta estética elaborada pola deseñadora Carole Hénaff. As ilustracións están elaboradas a base de técnicas como collage e acrílico sobre madeira, nas que a artista xoga coas texturas e a variedade cromática para reflectir o aspecto rústico dos pobos do deserto, inspirándose nas especias, nas teas e nas cerámicas típicas das 'wilayas'.