SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Mesa pola Normalización Lingüística (MPNL) conmemorou hoxe os seus vinte anos de existencia pedindo que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a sociedade de Galicia acuda a unha manifestación na defensa do papel da lingua galega no novo Estatuto de Autonomía que saia tras a reforma do texto.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, suliñou en declaracións a Europa Press antes da clausura da xornada de aniversario que o novo Estatuto debe garantir o galego "como dereito e deber", do mesmo xeito que se recolle para o castelán na Constitución.
Callón explicou que trasladarán a súas propostas ás forzas políticas do Goberno galego, unha vez hoxe a Mesa aprobou as súas achegas sobre o papel da lingua no novo Estatuto, tras reunirse durante todo o día no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Os membros da Mesa tamén analizaron no encontro as actuacións efectuadas polo órgano nestas dúas décadas, destacando que acadaron "moitos éxitos para a normalización da lingua". De todos xeitos, tampouco faltou a autocrítica e o propio Callón explicou que aínda teñen "carencias e limitacións económicas e humanas".
No acto de clausura da xornada tamén estiveron presentes o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; a titular de Cultura, Ánxela Bugallo; e o deputado socialista Francisco Cerviño, entre outros persoeiros representantes de diversas entidades culturais galegas.